por Helena Sanmamede Maneiro

Dentro do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF), como profesionais ou empresarias, teremos que pagar impostos sobre o beneficio que xera a nosa actividade. Ese beneficio calcúlase restando os gastos aos nosos ingresos (salvo os réximes especiais como módulos, nos que non imos entrar).

Para reducir a nosa factura fiscal e tentar que a presión fiscal na nosa economía sexa mínima, tentaremos botar man do maior volume de gastos posible. E aquí entran as dúbidas sobre que gastos son deducibles e cales non.

Para empezar só é deducible a base impoñible, é dicir, o importe antes de aplicar o IVE. No caso de estarmos exentas de IVE (ver Capítulo VII), entón o gasto deducible para efectos do IRPF é o total da factura (base impoñible+IVE).

Sempre precisaremos factura ou documento xustificativo (no caso de cotas de autónomos ou comisións, por exemplo) dos gastos para ter dereito a deducilos.

A tipoloxía de gasto deducible son todos aqueles conceptos que están directamente ligados coa nosa actividade.

Aplicaremos o sentido común para identificar os gastos que son necesarios para desenvolver a nosa actividade: subministración (electricidade, auga, telefonía, internet…), consumibles, formación, mercadorías, materias primas, salarios, seguridade social, seguros, arrendamentos, profesionais, servizos externos, comisións bancarias, xuros, outros tributos (licenzas, taxas…), amortizacións, outros varios…

Temos dous casos nos que o sentido común non funciona:

*gastos de vehículos: por norma non son deducibles os gastos derivados de turismos (combustible, reparacións…). Só serían deducibles en actividades de representantes comerciais, transporte de viaxeiros, ensino de condución, transporte de mercadorías e cesión e arrendamento de vehículos.

*subministración do fogar cando traballamos na casa: só poderemos deducir 30% da parte proporcional da vivenda que utilicemos para exercer a actividade sempre e cando previamente lle comuniquemos a Facenda (modelo 036 ou 037) que o noso local de actividade está situado na nosa vivenda.

[Continuará]



Helena Sanmamede Maneiro. Malabarista bici-pessoa do circo a tres pistas da asesoría fiscal, autoconstrución, formación, feminismo, consumo responsable, cultura, linguas, galeguismo, deporte, medio ambiente, finanzas éticas… Sempre aprendendo. Sempre medrando.

www.etikas.org

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad