de Andrea Vegabreu
Ingredientes secos
- 1 vaso e ¼ de fariña integral
- ¼ vaso de cacao en po (preferiblemente do comercio xusto)
- 1 culleriña e ¼ de fermento de repostaría
- ¾ culleriña de bicarbonato
- ½ culleriña de sal
- 1 culleriña de canela en po

Biscoito antes de enfornar
Ingredientes para a mestura húmida que liga a masa
- 1 banana madura (ou ben 2 culleradas de sementes de liño moídas mesturadas con 3 culleradas de auga)
- ½ vaso de cabaza asada ou compota de mazá (se non temos compota, podemos facer un puré rapidiño pasando polo batedor 1 mazá con 2 culleradas de auga)
- Entre ½ vaso e 1 vaso de azucre moreno (preferiblemente panela de comercio xusto)
- ¼ vaso de leite vexetal (p. ex. de avea, arroz, abelá, améndoas…), zume de mazá ou auga
- 1 culleriña de extracto de vainilla
- 1 vaso de cabaza ou cabaciña relada (reservar un par de culleradas para decorar)
Prequenta o forno a 200ºC.
Cobre un molde de biscoito con papel de forno.
Mestura os ingredientes secos: a fariña, o cacao, a o fermento, o bicarbonato, o sal e a canela de xeito que queden soltos e non formen grumos. Reserva.
Prepara a mestura que liga a masa: pasa polo batedor tódolos ingredientes da mestura húmida agás a cabaza ou cabaciña relada ata conseguires unha mestura homoxénea.
Engade a mestura que liga a masa á mestura seca xunto coa cabaza ou cabaciña relada pouco a pouco ata que quede todo mesturado.
Enche o molde de biscoito e decora coas dúas culleradas de cabaza ou cabaciña relada. Tapa o molde cunha folla de papel de forno.
Enforna o biscoito uns 45 minutos aproximadamente ou ata cando ao pinchalo cun escarvadentes saia limpo sen restos de masa.
Bo proveito!
_____________________________________________________________________
Son Andrea Vegabreu. Muller-toxo, tradutora, intérprete e alquimista vegafeminista apaixonada da cociña 100% vexetal, silvestre e creativa. Biodanzante, batukeira, a(r)tivista e tecedora doutros mundos posibles alén do arco da vella.
https://www.instagram.com/vegabreu/