QUE É A COMUNA?
A Comuna é un centro social, un proxecto de transformación e creación de comunidade, un espazo de encontro para a xente máis aló de lóxicas individualistas, homoxéneas e dirixidas. Na Comuna entendemos que o cambio social constrúese dende abaixo, paseniño, dende a proximidade, a autonomía e a solidariedade. A Comuna é a cara B da historia, o fío dunha memoria de rebeldía e liberdade.
QUEN SOMOS? Un grupo de persoas diversas en idade, ideas, inquedanzas, emocións… coa forte convicción da necesidade de artellar outros xeitos de relación e construcción de vida. Somos xente con experiencia en distintas loitas, na defensa do que é noso, do que é de todo o mundo!
QUE FAREMOS? Queremos que a Comuna sexa un lugar de encontro e participación. Nela terán cabida todo tipo de actividades e proxectos para a dinamización da comunidade.
• Obradoiros (linguas, cinema, saberes populares…)
• Memoria(s) do pobo
• Aprendizaxes (charlas, exposicións, meses temáticos…)
• Cineclube • Espazo para as crianzas
• Espazo de lectura e biblioteca
• Xantador popular
• Armario comunal … e milleiros de soños máis!
QUE NECESITAMOS? Precisamos a participación e a colaboración económica de todas aquelas persoas interesadas en que este proxecto comece a vivir. Para poder alugar o local e facer fronte ós gastos dende a autonomía, buscamos o apoio de xente afín á nosa filosofía. Este proxecto non ten ánimo de lucro, pero soas non somos quen de acadar o mínimo para botar a camiñar. A nosa idea é que as persoas que queiran ser socias colaboradoras aporten 50€ ó ano. Deste xeito, asegurámonos ter unha base de xente apoiando que crean coma nós na importancia de imaxinar espazos de creación colectiva.