Marta R. Boo

Algunhas persoas temos un corpo vulnerable cheo de privilexios. O meu corpo é meu, por iso, ás veces o maltrato, por iso ás veces eu decido cando o enfermo, por iso, porque está cheo de privilexios. Podo botarlle a culpa aos deuses, convivo con esa cultura, pedir perdón e rezar, xa deus dirá. Pero non creo nos deuses, nin na culpa, nin no perdón, nin nos rezos, a xente di que son certeza; sigo preferindo recoller o que sementa a ciencia e a natureza, que fan medrar realidades e non verdades.

Afastáronnos das raices, da sabiduría da terra e de quen a habitaba, do alimento que a sustenta e que nos sustenta. Puxeron o coñecemento en libros, e eses libros nas vitrinas, para que só poidan lelos aqueles que chegan “arriba”.

Que facemos nós agora? Supoño que o que nos deixan.

Perdimos a percepción de risco porque somos donas do noso privilexio. A min iso non me pasa, nacín branca, europea e sana, maltrato o meu corpo porque podo, ata onde a miña conciencia me deixa.
Ás veces recordo que hai quen non pode permitirse parar, non pode permitirse enfermar, porque se non non come, porque se non coida, porque ao mellor xa está enferma, porque é vella, porque a súa vida non está no centro, está nas marxes, coma as cinzas dos seus privilexios, que queimamos o resto para quentar a nosa conciencia.

Reclámase o dereito á saúde, escoitámolo nos medios, eses medios de comunicación que teñen o poder e o valor das palabras. Dereito á saúde coma un conxunto de recursos que han de estar ao noso servizo para cando nós o precisemos e coma nós o precisemos.

Coma estou do lado dos privilexios escollo o que como, escollo os meus hábitos, os meus riscos, o capitalismo globalizado xoga do meu lado para que poda habitar na escolla.

A saúde como autoxestión do corpo é dificil cando nos arrebataron todo e o único xeito de recuperalo é con intercambio monetario, quizáis o máis grande dos nosos privilexios, o privilexio de clase, alimenta esa falsa seguridade. Algunhas queremos compartir saberes, coidados e vida, todo o que se aprende das feridas das nosas ancestras, pero ata iso temos que mercalo. Coidarse é doado cando é unha escolla, se non convertese, incluso, nun acto revolucionario.

Non me fagades caso, non sei de que falo; a nós todo iso, non nos pasa, somos brancas,europeas e sanas, a nosa conciencia está limpa de responsabilidade, podemos queixarnos e deixar que outra xente sosteña, aprendimolo algún día, pode que fora na televisión.

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad