por Nerea Z. López Campaña
Téndese a pensar na tecnoloxía como un fenómeno de (relativa) actualidade, mais, o certo é que se podería considerar unha manifestación prehistórica, pois o ser humano tende a «tecnoloxizar» o entorno no que vive. Lémbrese que, quizais, un dos primeiros avances «tecnolóxicos» da humanidade foi o emprego de lume para fabricar ferramentas, hai uns 164.000 anos. Pénsese tamén no paso da oralidade á escritura ou na introdución da imprenta móbil de Gutenberg. Ambos acontecementos simbolizaron unha innovación da técnica que, á súa vez, propiciou unha rotura co escritor-lector tradicional. Polo tanto, estes avances modificaron a realidade humana e, en consecuencia, a estrutura do seu pensamento. Actualmente, xa non se cuestiona o emprego de fármacos para aliviar unha dor, nin tampouco o uso dunha prótese ou transplantes que substitúen órganos danados; é sabido que estas melloras elevaron a calidade e esperanza de vida.
Pode resultar tan absurdo adoptar unha posición tecnofóbica como tamén unha defensa tecnólatra que non advirta dos riscos que trae consigo unha mala praxe tecnolóxica.
Tal e como afirma Alicia Puleo (2019: 84) «la técnica no puede ser un nuevo ídolo que adoremos renunciando a nuestras capacidades de observación realista y análisis crítico». A este respecto, é posible afirmar que, no presente, o ser humano convive e oscila entre dous paradigmas: o díxital e o analóxico, ambos en loita pola hexemonía, cos seus detractores e os seus adeptos.

Un dos erros máis comúns, no meu ver, é posicionarse en extremos opostos, seguindo os pensamentos dualistas e dicotómicos, sen ter unha actitude harmónica e aberta cara posibles reconciliacións. Non se permita esquecer que unha boa parte do feminismo nace baixo a óptica da denominada «hermenéutica da sospeita» dirixida cara ao suxeito do humanismo (o varón, branco, heterosexual e occidental). É dicir, un pode dubidar do establecido pero evitando caer na banalidade da crítica determinista. A sospeita nace do principio da desconfianza da conciencia e aliméntase da ilusión que enmascara e oculta un sentido, pero faino partindo da posibilidade de ampliar as interpretacións, de complementalas e non de enfrontalas aínda que, aparentemente, ditas interpretacións non teñan relación entre si. Porén, non é desatinado desconfiar da tecnoloxía, mais debería potenciarse unha escoita activa que permita centrarse nos mecanismos de unión e non nos de separación. A fin de contas é innegable que a tecnoloxía é un elemento inherente á realidade humana e resulta moi difícil, senón imposible, desligarnos da súa influenza no mundo actual.
A este respecto, do mesmo xeito que o feminismo se decatou dos distintos vínculos sociais, —como ecoloxía e xénero (dando lugar ao ecofeminismo)—, tamén é conveniente repensar nas relacións que se están dando dentro e para coa tecnoloxía. A urxencia ciberfeminista tórnase evidente cando, por exemplo, se perciben nas redes sociais unha clara desilguadade de xénero. Só hai que descargar aplicacións como Instagram ou Tinder para comprobar o catálogo sexista que se fomenta nelas. Moitas das «creadoras de contido» máis recoñecidas, cun público considerable, fomentan e normalizan unha imaxe da muller baseada en estereotipos (rancio)-heteropatriarcais que, ademais, seguen un estilo achegado ao máis puro dos discursos neoliberais. Neste sentido, fálase de tecnoloxía feminina cando se está aí, pero dita presencia implica unha reflexión de cómo se está aí, de cal é o xeito de facer tecnoloxía feminista e xa non só feminina.
Outro exemplo da fenda de xénero tecnolóxica dáse, por exemplo, con relación aos videoxogos e á industria gamer —que, a pesar de ser un dos sectores máis innovadores da industria, segue resgardando moitos dos tópicos máis arcaicos da sociedade—, onde a maioría de usuarios e creadores son homes enfocados nun público claramente masculino. No mellor dos casos, as diferenzas poden establecerse a través do emprego de etiquetas como «para mozas», as cales, intensifican certos roles que, lonxe de visibilizar o xénero feminino, reforzan estereotipos problemáticos e ofensivos. Pode que ninguén se imaxine un Indy loitando polo Santo Grial cun minúsculo taparrabos. Porén, a personaxe de Lara Croft escala o Himalaia en shorts e cunha clara actitude hipersexualizada de femme fatale. Por este motivo, a entrada do ciberfeminismo na esfera gamer, resulta tan urxente como necesaria para alertar das consecuencias que trae consigo a construción deste tipo de tropos que atentan contra a dignidade feminina e tamén contra a dos varóns que se consideran feministas.
En relación co anterior, o ciberfeminismo pode ser unha das ferramentas máis eficaces á hora de cuestionar cales están sendo os usos e os roles empregados. Unha ética do coidado ciberfeminista implica analizar exhaustivamente os padróns patriarcais (e dos seus aliados) que se dan dentro dos espazos cibernéticos e a identificación dos elementos —como os algoritmos machistas, os corpos censurados, o sexismo, a violencia, etc.— que non favorecen a inclusión feminina e se afastan da idea dunha construción dun espazo tecnolóxico asertivo. Por outra banda, para conseguir unha verdadeira sociedade tecnoprogresista é preciso recalcar a idea de que as mulleres non só son consumidoras da tecnoloxía, senón «prosumidoras», é dicir, deben contar co seu espazo á hora de crear e programar actividades tecnolóxicas e recoñecer que a súa presenza nestes ámbitos significa unha superación da fenda de xénero e, polo tanto, un avance común. Por citar algún dos exemplos máis famosos, mulleres coma Ada Lovelace (a primeira programadora de ordenadores e creadora do primeiro algoritmo), Ángela Ruiz Robles (quen patentou o ebook vinte anos antes de que se lle atribuira o mérito a Michael Hart) ou Hedy Lamar (precursora das redes inalámbricas como o GPS, o Bluetooth ou o WIFI) trouxeron consigo cambios que axudaron no desenvolvemento global, ademais de conseguir unha presencia nun espazo totalmente masculinizado, onde o feminino, ademais de negado, era silenciado.
Por outra banda, o proceso de feminización da tecnoloxía non só axuda na construción da identidade feminina, tamén insta a unha deconstrucción masculina que se desfaga dos valores machistas carrexados polo xugo do partiarcado. É dicir, non se trata só de reivindicar o lugar da muller con respecto á tecnoloxía, senón tamén de insistir na idea de reclamar os dereitos do sexo masculino como suxeitos feministas e, polo tanto, achegarse a unha igualdade real que favoreza a ambos xéneros. Feminizar un espazo masculinizado é unha liberación conxunta na que se benefician ambas partes (feminina e masculina) xa que se superan os pensamentos dicotómicos que encarceran as identidades en determinacións e categorías prefixadas. A este respecto, o ciberfeminismo promove un imaxinario híbrido co obxectivo de superar o pensamento dual que clasifica a estrutura do pensamento e do corpo. É un espazo de resistencia que precisa unha responsabilidade común e colectiva para ser codificado tendo en conta ás distintas subxectividades que se fundamentan, principalmente en relacións non-xerárquicas (nin determinantes) e na compresión do «devir» como unha mestura entre a tecnocultura e a natureza como partes inherentes dunha mesma realidade.
Jaron Lanier, en Ten Arguments For Deleting Your Social Media Accounts, afirma que o ser humano non foi quen de domesticar completamente aos gatos xa que estes conservan parte da súa esencia indómita e do seu carácter independente, impredicible e autónomo. Nas súas palabras, «Cats are different. They came along and partly domesticated themselves (…) are smart, but not a great choice if you want an animal that takes to training reliably» (Lanier 2018: 5-6). Non resulta desatinado facer un símil coa entrada dos felinos na tecnoloxía e extrapolar esta metáfora ao acceso das mulleres no paradigma tecnolóxico. Isto quere dicir, adentrarnos sen adaptarnos ao estereotipo, sen perder a nosa identidade e sen deixarnos domesticar no rol dos algoritmos machistas. Fuxir deles, confrontalos co sixilo e a intelixencia gatuna facendo notar a nosa presencia, pero sobre todo, a nosa ausencia. Proceder sen ceder ante os aliados do patriarcado, combatelos e minguar a fenda de xénero coas unllas e os dentes ben afiados. Asemade, a natureza das mininas foi tan discriminada como incomprendida, motivo polo cal, durante a Idade Media, tamén foron queimadas nas fogueiras acusadas de bruxería e de ser animais diabólicos.
Obras citadas
Puleo, A. 2019. Claves ecofeministas para rebeldes que aman la tierra y los animales. Murcia: Plaza y Valdés.
Lanier, J. 2018. Ten Arguments For Deleting Your Social Media Accounts. Nueva York: Henry Holt and Company.

Nerea Z. López Campaña
Coa memoria escribo a historia dunha lembraza.