Tornóuse o feminismo un obxecto de consumo, de usar e tirar, fugaz e fútil?
Está o activismo militante de mulleres organizadas a resistir estoicamente en tempos incertos ou estamos no apoxeo do activismo individual, personalizado, de creación multi-media e interseccional?
Con esta provocación lanzamos o nº1 da Revirada Feminista, ao que varias mulleres deron resposta a través dos artigos “Activismo Feminista” de Ximena González, o artigo sem título de feministas low cost e a ilustración da nosa portada e texto “Feminismo Pop” de Elena Agrelo. Este foi un traballo colaborativo no que ti tamén puideches participar a través da enquisa “Feminismo Take-Away, e ti que opinas?” que realizamos online e cuxos resultados están no final desta serie de artigos. Son un ou varios debates iniciados, con perspectivas diferentes que se entrecruzan e que abren novos debates. E este é só o inicio, convidámosvos a continuar a través dos comentarios que podedes deixar na nosa web. A nós encántanos e esperamos que a vós tamén.
Reviradas, somos todas.
FEMINISMO POP de Elena Agrelo
É cuestión evidente que a industria da moda estase a aproveitar da onda feminista actual.
Penso que este aproveitamento pode exercer como arma de dobre fío, para ilustrar do que estou falando voume remitir a algo sucedido este ano: a empresa téxtil H&M saca ao mercado unha camiseta co texto “ Feminism, the radical notion that women are people”. Con isto o que se logra é a mercantilización dun movemento cuxo nacemento e creación foi imprescindible ao longo do século XX para acadar a liberación do sexo feminino. Pero o éxito deste tipo de produtos débese a que actualmente có ciberactivismo este movemento atópase nun camiño que se divide: o Feminismo que loita contra o sistema patriarcal e o Feminismo que se vale deste sistema Capitalista para facerse presente na sociedade. Esta vertente pode ser beneficiosa ou prexudicial, pois pode chegar a máis persoas pero tamén implica que o significado orixinal desapareza ou se terxiverse, perder a súa
intencionalidade sendo así absorbida polo Mercado. Temos o exemplo da fotografía de Ernesto Che Guevara, que pasou de persoeiro revolucionario a mera icona pop para a industria de moda.
Santiago de Compostela 30/12/2015
ACTIVISMO FEMINISTA de Ximena González
“…Dinámicas que axudadas por una sociedade individualista ensínannos a reclamar os nosos tempos e necesidades mas non a colocalas en relación ás necesidades colectivas.”
O que é hoxe ser activista feminista?
A resposta rápida é pensar en todas as que, en calquera ámbito da súa vida, toman posición do lado do combate contra o machismo para construír unha sociedade equitativa. A resposta longa é analizarmos o que é o activismo hoxe e se dá resposta ás necesidades que temos como feministas.
Neste recuncho do mundo que chamamos Galiza, ao igual que na maior parte da europa continental, o activismo non ten o mesmo significado que toma noutras latitudes e non esta necesariamente ligado ao colectivo ou comuntario como si pasa en américa latina ou áfrica, onde salvo no relacionado coa arte e a creación os activismos son espazos colectivos.
Na Galiza (e na Europa) somos quen de definirnos activistas mesmo cando non facemos parte de algo organizado. O mero feito de asumir a loita como propia e desenvolvela no noso ámbito familiar, laboral, relacional ou social fai que adquiramos a condición de suxeitos activos dese suxeito maís amplo que é o feminismo (os feminismos).
Para quen acreditamos na imprescindíbel resposta colectiva esta situación ten levado a numerosas reflexións tanto para comprender esta forma de non-organización como para revisar as tradicionais formas de facelo.
Tradicionalmente as formas de definir os proxectos colectivos ligáronse a dinámicas herdeiras dos partidos marxistas de asembleas e debates, incorporando as reflexións, a organización de actividades, campañas, proxectos… cunha lóxica de reunións periódicas tanto para o debate como para a reflexión e a acción.
É hoxe tan diferente a forma de organizarse? Non parece, mas existen matices que obrigan a mirar dende outra perspectiva. Hoxe non existe un compromiso forte por crear espazos amplos de participación real como son os do feminismo, seguramente pola complexidade de facelo. É máis fácil debater, reflexionar, idear accións e traballar con pouca xente coa que se concorde en case todo que facelo en espazos máis amplos, de maiores matices, onde as nosas opinións ou perspectivas entran a debate e son cuestionadas, resultando deste proceso acordos que non sempre nos representan completamente.
Inflúe nisto a fenda xeración? É posíbel. O feminismo carece de memoria colectiva. Semella ter asumido inconscientemente o papel secundario que outras loitas lle outorgan e tense negado o dereito á memoria… iso é que é diferente de todas as demáis loitas.
O feminismo atravesa a vida e todo o que nela acontece, non deixa espazos de seguranza no que acomodarse ao devir do sistema e cuestiona. Cuestiona non só dende a teoría senón e sobre todo dende a praxe, dende a experiencia de vida. Creo que non comprender isto leva a non sabermos xestionar a fenda xeracional que non se dá porque os debates muden: aí seguen o aborto, as violencias, o amor romántico, a sexualidade… senón porque os debates nos atravesan, e todas as xeracións precisan dalos, máis unha vez, dende as novas condicións materiais de vida que teñen.
Quen non escoitou decir: deste tema xa debatimos hai 15 anos, ou isto xa o temos superado… e si efectivamente, seguramente de todos os temas levemos décadas debatindo, mas cada xeración precisa dar os debates dende a súa experiencia, dende a realidade en que lle toca vivir, con perspectivas novas (nen mellores nen peores) e solucións diferentes, con formas de facer radicalmente distintas -ou non- ás empregadas noutros momentos, mas coa necesidade de poder escoller esas perspectivas, formas e solucións.
Porque avanzamos colectivamente en dereitos, mas só nos dereitos que se consiguen arrincar a un sistema fortemente armado. Dereitos que nen sempre son os máis transformadores. Poder votar, acceder aos anticonceptivos, poder entrar nun mercado laboral capitalista ou os permisos de paternidade son avances que non teñen as nosas irmás noutras partes do mundo, mas fican aínda lonxe do obxetivo que nos marcamos como feministas de vivirmos libres de violencia nun mundo máis xusto en que as persoas e a nosa diversidade sexa unha riqueza. Por iso temos que seguir colocando enriba da mesa as opresións e procurando novas formas de combatelas.
Porque ao non facelo tecemos dinámicas que nos afastan, negando que os debates non mudan en esencia porque as conquistas aínda non chegan, malia a todos os avances. Dinámicas que axudadas por unha sociedade individualista ensínannos a reclamar os nosos tempos e necesidades mas non a colocalas en relación ás necesidades colectivas.
E que pasa cos nosos tempos e necesidades? Eses que nos impiden adicar tempo ao colectivo e colocar o colectivo no centro das nosas prioridades para facer un activismo máis ligado á comunidade que ao individual. Pois pasa que as nosas condicións materiais de vida empeoran en relación ás das xeracións que nos precederon, que ao contrario que as nosas irmás noutras partes do mundo nós non camiñamos xa cara a un mundo no que as nosas fillas, ou as fillas das nosas amigas, vivirán mellor do que nós, senón a un no que vivimos sensíbelmente peor do que o fixeron as nosas nais.
Ou esta é polo menos a situación que se nos describe porque se pensamos nas condicións doutras mulleres no mundo tampouco é que teñamos que percorrer kilómetros para ter auga potábel, non?
Mas esta é a parte do mundo en que vivimos e temos que analizarnos en base a ela. E nesta sociedade en que vivimos hoxe é máis difícil que antes subsistir para unha xeración que naceu e medrou con moitos recursos e moitas máis oportunidades das que nos prometeran e en base ás que construímos un futuro que nunca chegou. Ese desmorone do estado do benestar que non permite a estabilidade, que precariza a vida e nos convirte en man de obra escrava en moitos casos, que provoca a volta ao fogar ou impide as maternidades libremente escollidas, que nos chantaxea no económico e social, que limita dereitos, que arrasa con conquistas históricas (atención á saúde sexual e reprodutiva por exemplo), ese desmorone misturado cunha educación mellor no formal pero inexistente no afectivo dificulta o lugar que ocupa o activismo dentro das nosas prioridades vitais.
A sensación de que non temos tempo para adicarlle ao activismo colectivo porque non temos tempo para nós se queremos subsistir neste sistema e o pouco que temos non estamos dispostas a ocupalo e desgastalo con dinámicas frustrantes é cada día máis crecente. Como a sensación de que quen ten tempo semella crer que esa capacidade de colocalo ao dispor do colectivo outórgalle máis razón nas análises ou proxectos que emprendemos colectivamente e que quen non dispón dese tempo é porque non quere. Ou a procura de que o activismo sexa parte do sistema produtivo e contribúa a mellorar as nosas condicións de vida que doutra forma non se cubren nen no máis básico.
E se a falta de activismo colectivo ten máis a ver co sistema económico que coa vontade individual?
Fique a pregunta para o debate entre feministas.
Feministas si, e anticapitalistas.
sem título de Feministas low cost
“…porque para ser guapa, lista e feminista e poder ter un cuarto propio e dedicarte a iso hai que meterlle moitas horas e moitos euros deses que apenas tes.”
Dedicarse ao feminismo non é nada fácil. Ninguén che dá un manual de como ser unha profesional feminista e non deixar a pel no intento. Hoxe en día dedicarse ao feminismo, á dinamización social e á docencia é como mercar un montón de boletos para participar no gran sorteo: precariedade ou barbarie.
Estudas e fórmaste -moito- porque para ser guapa, lista e feminista e poder ter un cuarto propio e dedicarte a iso hai que meterlle moitas horas e moitos euros deses que apenas tes. Facer da túa identidade unha categoría política cada día; ler ás clásicas, @s nov@s, @s que son o máis; veres todos os filmes, vídeos e proxectos que saen porque sempre alguén che vai preguntar e sénteste no compromiso ou na obriga de dar unha opinión con coñecemento de causa, non falar por falar –nunca- e facer labor pedagóxica non remunerada cada vez que cho piden porque, as feministas que vimos da tradición xudeo-cristiá, tamén cargamos coas nosas culpas.
Total, que aí estás ti: formada e reformada; sobrecualificada para a maioría dos traballos aos que te presentas; disfrazando o feminismo de «xénero» e igualdade de oportunidades, para disimular; vestida de domingo –tamén para disimular- e coa túa carpeta de títulos, mestrados, cursos, xornadas, experiencias, voluntariado e toda a recua de actividades e logros que vas metendo e quitando do currículo segundo a oferta.Cruzas os dedos e lémbraslle á túa nai que lle poña dúas velas a algunha santa para que te collan, porque neste país noso a maioría dos traballos dependen máis dos contactos da santa da túa parroquia que da túa formación e experiencia profesional.
Despois de ducias de correos electrónicos respondendo a convocatorias públicas, pero dos que ti non recibes nin un «grazas polo seu interese», consegues que te escollan. Brava! Xa es monitora, dinamizadora ou, no mellor dos casos, profesora titular. Esas son as categorías coas que o ámbito da formación profesional te está a agardar por todo o teu esforzo previo. E, como todas as categorías, convértese nun estanco fechado, excluínte e dos que xeran violencia contra ti. Unha violencia que, por contrato temporal –no mellor dos casos-, valora o teu traballo presencial por debaixo de nove euros a hora: sen desprazamentos, sen ter en conta o traballo de preparación.E descobres que esta violencia ademais é tamén institucional porque as administracións públicas no seu prego de condicións escollen sempre a oferta máis barata, a que en peores condicións te vai ter a ti e porque concellos, deputacións, Xunta e universidades saben que eses case nove euros á hora pódelos cobrar ilegalmente con ata tres meses de retraso.
E mentres, regálaslle un montón de horas na casa a cada hora que impartes, repartes carpetas de cartón de 100gr. con grandes logos serigrafiados, bolis que se rompen na primeira liña escrita con intensidade e folletos anunciando grandes actividades que, nunha realidade paralela, transformarán a sociedade. Como extras tes a túa imaxinación, o teu ordenador persoal e o que a natureza fixera agromar no espazo que che toque ese día; ás veces, ata un grupo a quen alguén se preocupou de contarlle de que vai a cousa máis alá do «iso de que matan ás mulleres e que serve para calquera actividade formativa sobre feminismo. Si!
Pero ti herdaches poderes estraños, tes unha gran vocación social e vives alén do desalento. Es unha desas funambulistas que non queren afacerse a este escenario no que se banaliza a educación, a igualdade e os dereitos. Continúas, sempre sobrevoando a torpeza, a escaseza de recursos, a falta de antelación, mirando ao lonxe como se vai achegando o futuro porque, ti sábelo, no fondo, nin o feminismo é take away nin ti low cost.
Escribimos esta denuncia, nosa e túa, como vivimos, desde a vulnerabilidade e a resistencia, desde a urxencia de nomear o que queren invisible, desde as ansias de danzar xuntas arredor do lume, desde a certeza de que este mundo se vai acabar; coa necesidade de compartir e facer pública a situación que vivimos as profesionais que nos dedicamos á docencia e que, cando conseguimos algún posto de traballo,vemos vulnerados os poucos dereitos laborais que nos quedan por parte das empresas en conivencia coas administracións públicas.
Achégase un temporal de forza 12, sequemos estas lindas bágoas de século XXI e asociémonos às termites, porque a revolución será feminista, ou non será.
FEMINISMOS TAKE-AWAY… E TI QUE OPINAS?
Da enquisa realizada conseguimos a seguinte información nunha poboación imensamente feminina (89%), a pesar de que era espazo “men-friendly”. Para que despois nos digan os anti-feministas e “amigas-dos-homes” que somos unhas discriminadoras natas. Pois ben, dentro do ámbito onde lanzamos a enquisa, é decir, on line, as feministas son mulleres, de 30-40 anos (44%), nun rango maioritario de idade que vai dos 20 aos 50 anos, e que viven principalmente no ámbito urbano (79,2%). Defínense como feministas un 91% aínda que isto non era unha sorpresa porque para que vas participar nunha enquisa como esta se non o es ou non te consideras de algunha das variantes do feminismo? Que o persoal é político está clarísimo, sendo un 96% as que declaran vivir así o feminismo. Destas un 67% tamén o fan laboralmente, e como activistas un 66%. O feminismo de hoxe en día é fundamentalmente individual con un 90%. Mais non desesperen mulleres militantes, que destas un 58% tamén están nalgún tipo de grupo. As plataformas virtuais gañan por pouco, un 75% frente a un 72%, mais claro onde estamos a preguntar? On line. Un 74% consideran poder contar con unha comunidade feminista, de calquera tamaño e forma. Non estamos soas! Pero, que acontece con ese 21% que non o teñen? Temos que estar aínda menos soas.
Ok, temos mulleres en grupo, mulleres en comunidade… pero entón, por que non estamos satisfeitas coa oferta de espazos e actividades feministas na nosa zona? Están a funcionar os lazos e redes de apoio e persoais, os encontros e actividades puntuais, o traballo das maiores organizacións feministas como a Plataforma do Aborto, a Marcha Mundial das Mulleres ou a Rede contra Malos tratos de Vigo. Tamén espazos máis pequenos que comezan a aparecer como as librarías feministas. A visibilización de mulleres célebres e temas globais do feminismo van ben. As redes sociais aparecen pero non son as mais destacadas. E o que está a faltar fundamentalmente é máis acción, no cotián, na comunidade, regular, de impacto… máis unidade, interacción e coordinación entre os diferentes grupos sexan estes autónomos, de partidos ou sindicatos. Un maior traballo de sensibilización feminista na sociedade, e das propias feministas. Espazos para o encontro, o debate, de carácter regular e físicos. Traballo organizado con vontade transformadora, interseccionalidade. Unha maior apertura dos colectivos feministas, con frecuencia bastante herméticos e de dificil acceso. Pluralidade e diversidade no movemento, que non todas somos brancas e académicas, onde están as negras, as proletarias? Por que non incluir á xente común no noso facer e deixar a un lado os discursos por e para formadas feministas só?
Como predición de futuro do movemento feminista destaca cun 42% a frase “Ten de se repensar e transformar noutra cousa, este modelo de organización non dá máis de si, mas o futuro é en grupo”, seguida cun 31% por “Está nun momento complexo, máis coas condicións axeitadas resurdiremos das nosas cinzas”.
Agradecemos inmensamente os comentarios que deixastes de apoio, cariño e forza para a Revirada. Nós tamén vos queremos. Aquíi vos deixamos algúns.
“Quero máis cruzamento de feminismo entre Portugal e a Galiza”
“Acredito que uma pessoa é sempre feminista desde que acorda, até se deitar, independentemente da profissão, local, idade, genero… não creio que haja pausas pelo meio, por exemplo, agora vou tomar um café e deixar de ser feminista por um tempo… tem que ser algo natural, partir de dentro de cada um.”
“Creo que o feminismo ten que abrirse a todos os ámbitos da vida, ser inclusivo. Son moi importantes iniciativas que están levando a cabo algunhas cidades para incorporar á reflexión feminista e ao fomento da igualdade aos diferentes sectores sociais, económicos e culturais. Hai que recoñecer o papel do movemento organizado e das asociacións feministas mais agora cómpre ampliar o marco reivindicativo a toda a cidadania.”
“O feminismo non pode nin debe ser unha moda pasaxeira, non é de usar e tirar. A aprendizaxe e o traballo han que ser fondos e progresivos, non superficiais ou circunstancias. O feminismo non debe ficar a mercé de continxencias, do beneplácito social, do Facebook, ou de demagoxia barata enmascarada para conseguir o poder político.”