por Bea Saiáns
Ferramenta ou ciberespazo? Poden os filtros das redes sociais como Instagram, e as súas imaxes resultantes, construír, ou só reflicten as carencias e os desexos da sociedade que os produce?





Co crecente uso das redes sociais, asistimos a unha reformulación constante da fotografía. Os chamados “filtros” das redes como Instagram colócanse sobre a fotografía xa tomada, ou sobre a persoa en directo, completando o revelado ou axudando a interpretar o significado dos suxeitos retratados.
Moitos destes filtros son creados pola propia persoa ou colectivo que os usa. As lecturas semióticas das imaxes resultantes son moi amplas. Dende o ángulo de toma das imaxes, ata a escolla do filtro en cuestión; que pode colocar o suxeito retratado nunha corrente concreta, auto-etiquetándose como tal, ou facer o público reflexionar sobre o seu estado de ánimo. Poden os filtros e as súas imaxes resultantes construír, ou só reflicten as carencias e desexos da sociedade que os produce?
Un caso ilustrativo é o que denuncia Afroféminas, na súa publicación “Son racistas os filtros?,” no que critica o uso dos filtros de máscara eurocéntrica, eses que rebaixan o tamaño do nariz, aclaran a pel, a cor de ollos e modifican os trazos faciais eliminando rugosidades da pel ou as malchamadas “imperfeccións”.
Coa expansión da teoría queer, a analoxía dos filtros co xénero semella inevitable, pois dende cada vez máis capas da sociedade existe unha incansable vontade por mover os marcos binarios de identificación, co fin de dinamitar a imaxe do home universal medida-de-todas-as-cousas.
A proposta deste traballo fotográfico é a de mergullarnos nos significados dos devanditos filtros, colocados en persoas de idades moi afastadas ás idades das usuarias dos mesmos e, mediante o exercicio, observar o doado que resulta fluír nos tags clásicos da modernidade: home e muller, hetero-homosexual, e non só, tamén moderno-antigo, urbanita-rural; só, coa colocación, por exemplo, dunhas lentes de sol. Só coa performance de xénero.
O que di de nós a nosa performance? Son as redes sociais unha extensión desa performance? Un espazo virtual no que habitamos extendéndonos á procura dunha identificación, dunha identidade?
O proxecto fotográfico recolle o fío estético da cultura Punk (sempre ao corricán das marxes, aferrada endoxenamente á filosofía queer, co Do it yourself, a transgresión do significado de “normal”, a vinculación coa obra situacionista…) e pretente trazar un camiño sólido sobre as imaxes e a autopercepción. Botar áncora nunha liña do tempo moderna, para as millenials perdidas na liquidez contemporánea.

Bea Saiáns
Antipatriarcal, Antifascista, Anticapitalista, Antiracista, Antitodoomitiko. Constrúo tamén. Que conste. Traballadora do audiovisual, fotógrafa e poeta
E-mail: beamarsay@gmail.com
Redes: @beasaians (Instagram), Bea Saiáns (Facebook), www.beasaians.com (web)