por Verónica Ramilo Graña
Criações nas imagens: Verónica Ramilo Graña
Como estudante e apaixonada da fotografía e con algo de experiencia na produción de pequenos traballos fotográficos, levo un tempo reflexionando sobre o impacto medioambiental que pode ter unha soa imaxe fotográfica e sobre se, a pesar de ser unha disciplina absolutamente dependente da tecnoloxía, podemos subverter algúns dos estándares e mandatos da fotografía actual, que nos van creando necesidades cada vez máis grandes de consumo de dispositivos de alta calidade.
Este interese naceu por causa do impacto que me produciu ver fotografías impresas en follas, o que se dá en chamar fitotipia. A partir dese momento comezo a investigar que hai detrás dese xeito tan peculiar de imprimir imaxes nun medio natural e, para a miña grata sorpresa, escoito unha charla dunha mestra para min da fotografía, historiadora e investigadora, Noelia Pérez Sández, onde dixo que ela tamén estaba nese mesmo camiño.
Noelia lánzanos unha pregunta absolutamente radical e fascinante: “É posible facer toda a miña práctica fotográfica a partir dunha horta?” Noelia está a investigar no que ela di “procesos fotográficos que non implicaron unha patente, que se contrapoñen aos procesos industrializados da fotografía. Procedementos que non pasaron á historia e que realizaban mulleres, iso si, mulleres burguesas. Procesos que tiñan que ver coa botánica e coa relación coas plantas.” Daquela, traballa na investigación dos pigmentos recollidos da súa horta e bosque comestible. Con Noelia comparto tamén esa preocupación por saber de onde veñen todos os dispositivos que empregamos na fotografía, cal é a súa orixe, onde están fabricados e en que condicións laborais.
Hoxe en día para obter unha única imaxe fotográfica —profesional ou non— precisamos de toda unha serie de dispositivos tecnolóxicos, que ademais se actualizan cada vez máis rápido, buscando supostamente a excelencia da imaxe, incluso para persoas non profesionais da fotografía. Como se o impacto dunha fotografía dependese única e exclusivamente dos aparellos dos que dispós.
Para obter unha soa imaxe poderiamos pensar que cunha cámara chega, pero precisamos dunha cámara fotográfica cos seus respectivos obxectivos, tarxetas de memoria, baterías —habitualmente dispoñemos de dúas, para non quedar sen batería no medio dunha sesión—, o cargador da batería, un trípode, un flash, luces de estudo, un ordenador, por suposto , programas de edición, discos duros, conexión a Internet, un calibrador, filtros, unha impresora e a lista podería continuar.
Como persoa que se criou nunha familia obreira, onde cada peso que se gastaba era ben estudado e non se desperdiciaba nada, e tamén como persoa preocupada polo impacto que ten o noso consumo no medio ambiente e nas condición laborais das persoas que producen o que consumo, xorde aquí a pregunta e a investigación na que levo un tempo: podemos facer fotografía sostíbel? Ou, polo menos, podemos buscar mecanismos e recursos para minimizar este impacto no medio e nas condicións do proceso de produción?

Algunhas ideas para ir sementando
Respecto aos múltiples aparellos, a primeira acción que podemos realizar é non mercar aparellos novos, senón reutilizar ou mercar aparellos de segunda man. Hai centos deles que se desbotan por mercar o máis moderno. É un traballazo, iso si, e require de confianza para ter certa garantía.
A segunda idea sería á hora de tomar as fotografías. Até non hai moito, coas películas fotográficas, pensabamos ben cada fotografía que faciamos, porque era un proceso moito máis custoso. Por que non volvemos pensar máis antes de disparar? E preguntaredes: tanto ten, total co dixital podes facer as que queiras? Si. Podemos. Pero cantas máis fotografías acumulemos, precisaremos de ordenadores máis potentes, máis discos duros, máis gastaremos nas baterías, máis tarxetas gráficas e máis enerxía consumiremos en xeral.
Cando colgamos as nosas fotografías na Internet, tamén estamos empregando enerxía; cantas máis subamos e a máis resolución, máis consumo de Internet e máis consumo enerxético estamos empregando. Hai moitos artigos que explican mellor ca min o impacto da Internet no consumo de enerxía.
Nesta investigación descubrín que hai persoas que están empregando produtos naturais e veganos para facer reveladores caseiros, e tamén que están a desenvolver procesos naturais de impresión de fotografías como a antotipia ou a fitotipia. Neste eido recoméndovos moito seguir o traballo de Almudena Romero De feito, como explica Almudena, xa nos comezos da fotografía, por volta de 1840, empregábanse técnicas orgánicas para facer fotografías. Polo tanto, a investigación neste ámbito para min é como volver ás orixes da fotografía, onde a experimentación e a investigación eran centrais. É como volver ao laboratorio, pero un laboratorio herbal, na investigación das materias primas que poidamos ter máis á man. Para ter un pouco máis de consciencia e control sobre o proceso de produción e depender menos dos monopolios tecnolóxicos.

Como di o fotógrafo Joan Fontcuberta, “Ante o panorama de exceso e saturación de imaxes, podemos facer unha xestión crítica da abundancia das imaxes xa existentes”. É unha reflexión que me leva a varias opcións creativas: recuperar as fotografías de álbums familiares amontoadas e, en moitas ocasións, esquecidas en caixas e darlles unha nova vida: por exemplo, bordándoas, facendo collages, crear novas historias e narrativas a partir delas, recuperar esas fotografías “mal feitas” etc. Ademais dos milleiros de collages que se poden facer coas fotografías das revistas que se tiran ao lixo constantemente.
Con todo isto, só quero facer uns mínimos apuntamentos e dicir, tamén que entran en colisión adoito coas miñas propias contradicións e incoherencias, pero que espero que sexan uns pasiños cara unha construción colectiva de novas maneiras de crear imaxes, pero tamén de teoría e historia fotográfica.
Quero rematar cunha frase de Rachel Carson, precursora do ecofeminismo e que tanto me influíu coa lectura do seu libro O sentido do abraio:
“É algo san e necesario volver a mirada á terra e a contemplar as súas belezas, recoñecer o asombro e a humildade”.
Se alguén máis ten interese en compartir reflexións ou recursos que avancen cara unha fotografía máis sostíbel, pode escribirme a ramilo123@gmail.com.
Referências: https://www.almudenaromero.co.uk/

Son traballadora social, sexóloga e curso Fotografía, unha das miñas paixóns.
Na actualidade estou investigando diferentes procesos de producción de imaxes, desde unha perspectiva ambientalmente sostible e autoxestionaria.