por Paloma F. Balado e Nerea Z. López Campaña
Ilustrações Giullia Gizzi
Farta de non ter información sobre como vai afectar a posición de Venus nos teus plans deste semestre? Queres saber como influirá esta lúa chea na túa pedicura? Cal é o mellor mes para apostatar? Por que Mercurio sempre anda retrógrado? Será que Mercurio está afiliado a VOX?
A resposta a estas e moitas outras preguntas non se atoparán neste horóscopo mais, honestamente, tampouco en calquera outro. Acouga e non pases a páxina co fociño torcido; que con este, polo menos, botarás unhas risas. Confía na nosa lectura dos astros, lanza a túa pregunta e eles daranche a resposta a todas esas dúbidas existenciais. Quizais non é a resposta que agardas, pero sempre pode ser peor. Por exemplo, lembra cando cortaches o pelo coa lúa decrecente por non ir botar as cartas por quinta vez na semana e a túa melena de Rapunzel tardou dous anos en crecer.
Todas estas predicións están baseadas en lecturas concienciudas de pousos de licor café polas nosas Camaradas Pitonisas. Un método astrolóxico pouco estendido pero tan ou incluso máis respectable coma calquera outro.
PD.: Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Ou non.
As personaxes aquí retratadas son ficticias, calquera similitude que se poda asociar coa túa vida é un claro indicativo de que é hora de pedir cita no psicólogo.
Acuario: Xaneiro 20 – Febreiro 18

Saúde: Pois ao final, parece que si que vas vella. Este é o teu momento de levar a cabo ese lifting no que tanto tempo levas pensando. Quitarache as engurras pero non descoides ese carácter rancio que che está aflorando ou volverán aparecer todas aos tres días e será unha perda inútil de cartos.
Cartos: Sabes ese décimo de lotería que non mercaches porque nunca toca? Pois desta tocou e o único que mercaches usáchelo como agasallo á veciña do cuarto. Agora, toda a parroquia está nas Maldivas e ninguén tivo a consideración de invitarte.
Amor: Pregúntalle, pero, os astros din que é Provida e pasarás fame ata que formalices oficialmente a relación ante Deus. O sexo ou a voda, ti escolles.
Pisces: Febreiro 19 – Marzo 20

Saúde: Esa unlla do pe váiseche enquistar, a culpa é túa. A última vez que a limaches aínda había follas nas vides. E, ademais, cando caeu (despois de entalar as túas sensuais aletas nun 36) non lle deches traballo ao podólogo (titulado pola “universidade da vida”) da túa aldea, agora non chores. Podía arranxarse cun simple ungüento máxico que che vendía por uns míseros 200 euros pero non, ti sempre tan escéptica.
Cartos: Dille que amiguiñas si, mais a vaquiña polo que vale! Unha cousa é “hoxe por ti, mañá por min” e outra (moi distinta) é pagarlle parte da hipoteca mentres se pasea nun Porsche con moito abafo porque as contas non lle saen.
Amor: Eu xa desistiría. Mellor pide cita co párroco e coméntalle esa idea de predicar a palabra de Deus no convento de Santa Clara. A conversión ao xudaísmo tampouco é mala idea.
Aries: Marzo 21 – Abril 19

Saúde: Coidado co gato que como se che siga cruzando nas pernas, non rematas o 2021 enteira. Recoméndoche encarecidamente unha visita ao veterinario e, de paso, que lle limen as unllas ao gato.
Cartos: Digan o que digan, gastar o 35% do salario en “bolachas”, é vida. E non, os enxertos de pelo en Turquía non desgravan. Ademais, lémbroche que facenda somos todos, non me fagas sacar as velas negras que non quero xurar.
Amor: Tinder non está tan mal, que é o peor que podería acontecer? Os astros din que comeces por ese semental que busca unha “muller discreta para pasar un bo rato”. Se cadra encontras a túa alma xemelga. Abstente dos que din “nin de esquerdas nin de dereitas” porque (sorpresa) son de dereitas.
Tauro: Abril 20 – Maio 20

Saúde: Deixa de fochicarte nos grans, leva a túa nai dicindo o mesmo desde que tes 12 anos. Tanta cremiña anti-idade e tanto “potingue” de farmacia para logo andar coas unllas e mans cheas de carraña na cara.
Cartos: A ver, ti tampouco querías un iate, ou si? Pois confórmate co patinete eléctrico do AliExpress, fai un servizo… parecido.
Amor: Eu creo que lle gustas, pero igual o de que che escoitase botar un peido, restou puntos. Os astros confirman as túas sospeitas, foi dos que ulían a potaxe de fabada asturiana con chourizo e morcilla de Burgos. Ter comido produtos do país.
Xémini: Maio 21 – Xuño 20

Saúde: Xa non tes idade para ir co nocello ao aire, que diría a túa avoa se te vise? Fai o favor de quentar unha pota de caldiño que aínda che vai coller o frío. A quen se lle conte… en pleno inverno ensinando “cacha”.
Cartos: Non te veñas arriba cando abran os bares, que te lías a invitar a shots e acabas coa VISA tremendo. Tamén deberías deixar de investir nos palés de Albariño que encargas, vas acabar cirrótica perdida. Mellor compra ou apadriña unha cepa, acabas antes.
Amor: O outro día cando falastes, tiñas pirixel nos dentes. Para a próxima non quites a máscara ata pasar o fío dental. É de primeiro de apareamento.
Cáncer: Xuño 20 – Xullo 21

Saúde: Deixa de relacionarte con ese f.amigo que non é “nin de dereitas, nin de esquerdas” e xa verás como se che pasan as xaquecas. “Foro coches” tamén queda totalmente prohibido, anula os efectos do ibuprofeno.
Cartos: Como sigas paseando polas rebaixas, vas ter que comer as plantas do acuario e, se non lle fas caso aos astros, vas coller anemia este semestre (ditas plantas non son nutritivas, que todo hai que explicarcho).
Amor: “Quien no se ha dado el “pipazo” con una amiga”. Estás feita unha faraoa que nin Lola Flores. “Tu has pecao con la carné lo normá” e, a ver, tranquilidade, se o importante é participar.
Leo: Xullo 23 – Agosto 22

Saúde: Vai sacando os caramelos de menta, que falta che van facer este ano. A este ritmo, vas facer multimillonario ao dentista con tanto pan de allo.
Cartos: Eu creo que é bo día para tomar os medios de produción e investir nas accións de Jes Extender. Triunfo asegurado e matas dous paxaros dun tiro, ti xa me entendes.
Amor: Penso que vota a Ciudadanos, cando di o de “liberal”. Aínda estás a tempo de repensar a túa existencia amorosa antes que afogar como Jack no Titanic (Rose, todas sabemos que nesa táboa había sitio).
Virgo: Agosto 23 – Setembro 22

Saúde: As baias de Goji soamente son moras doutro sitio, haino que asumir, non che van axudar en nada. Come plátano con ketchup que alimenta máis.
Cartos: Menos dá unha pedra. Ti viñeches aquí a ler o teu artigo e aínda non liches o teu artigo. Pasa o tempo, acábase o tempo, entra un horóscopo absurdo que ninguén veu e non se le o teu artigo, entón a que viñeches ti aquí?
Amor: A dúbida que che roldaba vai ser confirmada. Este ano, por fin, haberá casamento. Vai tramitando a alta de autónomos para servir o catering, ilusa.
Libra: Setembro 23 – Outubro 22

Saúde: Non es ti, é o capitalismo. Igual vai sendo hora de rebaixar o límite da tarxeta para poder financiar catro parcelas máis na lúa, que te estás facendo vella.
Cartos: Van ben os negocios, igual acabas por mudarte para Andorra. Ou a Villaviciosa, quen sabe. O importante é estar activa no mercado laboral, pero comeza por actualizar o CV, que leva igual desde que gobernaba Zapatero.
Amor: Non, non foi amor á primeira vista, foron os efectos da ameixas, que son afrodisíacas e os oito copazos de viño que lle largaches. Tampouco eran bolboretas, era o mareo que che deu tanta mestura. Agora ten máis sentido, verdade?
Escorpio: Outubro 23 – Novembro 21

Saúde: Polo de agora, non se aprobou a Lei Seca, respira tranquila e deixa o Martini, pero, sobre todo, deixa de poñelo de escusa para falarlle a quen non debes.
Cartos: O aluguer acaba contigo e que saibas que o caseiro vai quedar cos mil euriños da fianza por facer eses furados nas paredes para colgar o cadro de Mónica Naranjo.
Amor: A ver, é mellor iso que morrer. Tamén puido ser que aínda non formalizou o divorcio e a súa futura ex-muller xa sabe da túa existencia. Se xa o saben ata os catro fillos secretos, pero ti parece que vives nunha nube.
Saxitario: Novembro 22 – Decembro 21

Saúde: Deixa de coller enfermidades raras, despois sempre tes algo que contar pero xa vai chegando. Colle un catarriño normal se queres, pero fai o favor de afastarte das posibles venéreas.
Cartos: Polo menos ser vexetariana é barato. Proba a comer herba do monte, pode que teñas sensación de acidez ao principio pero, tranquila, dura un par de días. En canto comeces a rumiar xa se soluciona todo.
Amor: Pasapalabra. Coa T de Tempo Libre. Persoa que non encontra parella porque está todo o día falando da herdanza envelenada. Non, non é Paquirrín, es ti, deixa un pouco o “telecirco” e colle un libro de autoaxuda.
Capricornio: Decembro 22 – Xaneiro 19

Saúde: Abrígate máis, a última vez que alguén foi optimista de máis co frío, morreron 734.000 nazis. “¡Viva el vino, la moderación y el sentido común!”
Cartos: Paga la coca, primeiro aviso. Ao segundo, embárganche os dentes postizos e morrerás de dobre-dose afogada nun bebedeiro de vacas.
Amor: Queridísimo capricornio, é máis doado descifrar e entender o manuscrito de Voynich que saber o que pensas ti. Pásate un filtriño antes de mandarlle audios de 20 minutos manifestando a túa verborrea. Xirarei como a roda do muíñooooooo!
Paloma F. Balado

Galega residente na Malasia.
Movéndome entre contrastes retratando o mundo con ironía
Nerea Z. López Campaña

Coa memoria escribo a historia dunha lembraza.
Giullia Gizzi

O equilíbrio me irrita, gosto da disseminação do caos