por Naiara González Fontenla e Noelia Darriba García
A tecnoloxía está connosco ou contra nós? Pois o mesmo que un coitelo, depende de como e para que a utilices. Nós levamos varios anos traballando con grupos de mulleres e, coa crise da covid-19, tivemos que darlle un enfoque renovado á metodoloxía empregada. Deste xeito, xorde o proxecto A Arte de Coidarte; a temática está clara: os coidados.
A pandemia axudou a visibilizar a necesidade de colocar os coidados no centro, o que significa axudarse e autocoidarse.
Por iso, este proxecto estivo encamiñado á colaboración, axuda mútua e aos coidados. Pero a pandemia tamén trouxo distanciamento social, medo ás reunións, restricións e máscaras. Houbo que botar man da creatividade e, sobre todo, das tecnoloxías da relación, da información e comunicación: Zoom, WhatsApp, correo electrónico etc.
O proxecto consistiu na creación dun grupo de WhatsApp dende o cal tecer a rede de apoio e o sostén. Aquí se enviaban cada semana dúas pinceladas (audios, vídeos ou documentos con propostas de exercicios baseados na “terapia do reencontro”, o Ioga, a “atención plena” ou a “biodanza”) para que cadaquén experimentase ese autocoidado no seu día a día e puidese compartir a súa experiencia co grupo. Este traballo foi completado con tres encontros, un ao comezo, outro no medio e outro ao final; algúns tiveron que ser online e outros puideron ser presenciais.
Neles puidemos compartir e profundar nas vivencias, coñecernos máis e reforzar eses lazos de sororidade. A invitación foi para mirar cara dentro, permitirse sentir e expresarse, soltar e conectar co corpo, crear rede de apoio e autocoñecemento e tecer un espazo seguro onde botar medos e fantasías.
Após tres experiencias en diferentes puntos da xeografía galega, a nosa valoración é positiva; o feito de crear espazos de mulleres onde se poidan abrir fontes de diálogo e autocoñecemento é transformador. É moi gratificante acompañar estes procesos onde se van empoderando os corpos a través da toma de consciencia, de poñer o foco no benestar transformando o día a día das mulleres cara o bo trato.
Esta boa enerxía quedou reflectida no cuestionario de satisfacción que lles pasamos ás mulleres participantes, que valoraronmoi positivamente a súa participación no proxecto, tanto por atoparse cómodas no grupo como polas ferramentas que adquiriron e puxeron en práctica. A maioría dixeron que se sentiron relaxadas, conectadas co corpo, e que conseguiron reservar tempo para coñecerse máis a si mesmas e a outras compañeiras coas que xa coincidiran noutros obradoiros.
No noso sentir, con isto os obxectivos do proxecto estarían cumpridos na súa totalidade. Sen embargo, habería un par de aspectos que cómpre comentar debido á nosa comparación co traballo presencial; a barreira existe. O primeiro deles é a unión de grupo e a seguridade e confianza dentro do mesmo: coa metodoloxía única do WhatsApp e algunha reunión no Zoom resulta difícil tecer rede, e os vínculos favorecen a participación e o compartir no grupo, a creación desa rede sórica. Outro aspecto fai referencia ao nivel de profundidade no que realizar o traballo; sabemos que este vai depender de cada muller, das súas circunstancias, da súa propia bagaxe en canto ao autocoñecemento etc., pero observamos que o feito de realizar as sesións presenciais permite que haxa maior entrega e confianza por parte das mulleres e tamén permite soster dende un espazo de contacto e coidado que é difícil a través das redes.
Algo é algo, non se contenta quen non quere, pero a presenza transforma e cura ao mesmo tempo que coida! Mentres tanto seguiremos presentes polas pantallas porque non sendo o ideal, nin tan mal.

Noelia Darriba García, educadora social e facilitadora da Terapia do Reencontro e Naiara González Fontenla, educadora social e facilitadora en Biodanza.
Entendemos o traballo coas persoas desde unha perspectiva holística focalizada no corpo entendido non so como espazo físico, senon tamén como espazo mental, emocional, sexual e social. Dende aí, creamos proxectos de crecemento persoal e coeducación emocional encamiñados a transformar-transformándonos ao tempo que fomentamos o botrato tanto cara as demais persoas como cara nós mesmas.