por Verónica Ramilo Graña
Imagem por María Pérez Miñones
Este artigo xorde do meu interese polo mundo téxtil e as investigacións que realizo sobre a arte téxtil. Un tipo de arte que é bastante descoñecida e na que participan na súa maioría mulleres.
O texto que aquí presento para explicar os Khipus está baseado no traballo e investigacións da artista electrónica e visual, e bailarina Constanza Piña. Optei por transcribir case integramente as súas palabras para explicar que son os Khipus, para manter o seu universo e dende o respecto cara unha cultura que descoñezo absolutamente. Xa que logo, agardo transmitir a través da miña lingua o mellor posible o que ela fai. E apelo a ir á fonte e consultar o seu traballo no enlace en referencias.
Constanza Piña céntrase na experimentación con medios electrónicos, tecnoloxías open-source (modelo de código aberto) e prácticas DIWO (Do It With Others).. Isto é, poderiamos dicir, unha evolución do “Do It Yourself” (faino ti mesma), que apareceu en diferentes movementos contraculturais e que tanto popularizou Youtube con millóns de vídeos onde nos ensinan a facer montes de cousas. Con este DIWO (Faino con outras), apélase á aprendizaxe, pero co engadido de facelo con outras persoas. No meu pensar o DIY orixinal sempre se fixo a través de metodoloxías participativas. Entendo que con esta nova nomenclatura se intente desligar desa popularización máis individualista de ti, na túa casa, soa, aprendendo cun obxectivo de beneficio unicamente persoal. Aquí pasamos a remarcar o proceso de aprendizaxe colectivo e colaborativo co fin de aprender entre nós da sabedoría colectiva e todo o que implica compartir espazos de coñecemento colectivo.
O traballo de Constanza Piña é unha reflexión sobre o rol das máquinas nas nosas culturas e, segundo ela mesma explica “e os conxuntos humano-tecnolóxicos, cuestionando a idea de educación, capitalismo e patriarcado tecno-centrista, en relación ao coñecemento aberto, a autonomía e a valorización do traballo técnico manual”. É unha persoa moi interesada pola reciclaxe, o soft-circuits (son circuítos que se conectan por medio de fíos, teas ou pinturas condutores de electricidade), a artesanía e o que ela denomina a bruxería electrónica.

Bordado por María Pérez Miñones
E daquela que son os Khipus?
Un dos seus traballos é a creación da “Academia de artes e oficios electrónicos” que son escolas autónomas temporais, que vai desenvolvendo en diferentes poboacións de Sudamérica, enfocadas na aprendizaxe das artes electrónicas, integrando manualidades e artesanía tradicional, repensando a noción de arte, tecnoloxía e educación. Realizando obradoiros participativos sobre artesanía electrónica, a experimentación electro-téxtil, a bruxería, e a experimentación sonora, utilizando para isto tecnoloxías libres, caseiras e empregando materiais reciclados. É dicir, iso que se coñece co termo anglosaxón low-tech.
Os khipus son sistemas de rexistro de información que se empregaban no imperio inca e nas culturas andinas precolombinas. Eran sistemas mnemotécnicos ou libros que non estaban escritos en papel. Empregaban un sistema binario para clasificar, procesar, transmitir e codificar información.
Era unha interface tanxible e unha das primeiras computadoras téxtiles coñecidas. Consistía nun cordón central de la ou algodón, ao que se unían outras cordas con fíos de diferentes cores, formas e tamaños que encriptaban información.
Actualmente consérvanse poucos porque os conquistadores españois, ao non conseguir descifrar eses códigos, destruíron a meirande parte deles. Queimándoos.
Dos que quedan, aínda hoxe o seu código está sen descifrar e a meirande parte deles están en museos fóra dos seus países orixinais. A colección máis grande está no Museo Etnolóxico de Berlín, que conta con 298 khipus. Polo que, claramente houbo unha apropiación e espolio europeo deste tipo de patrimonio e as persoas de Sudamérica teñen moi poucas posibilidades de acceder a eles para estudalos e entendelos.
Contanza Piña, co seu traballo, quere facer unha investigación de tipo artística e ter a experiencia de fabricar un khipu para impregnarse da experiencia do que foron e así poder entendelos. Ela resalta que para intentar entender os Khipus, hai que entender a cosmovisión andina, porque senón será realmente difícil entender o que queren realmente transmitir. Aos Khipus tamén se lles chama computadores ecolóxicos pre-hispánicos porque eran feitos a partir de materiais locais.
Toma como referencia para a investigación do seu traballo sobre os Khipus as “computadoras de Harvard” que foi un grupo de mulleres que se adicou a clasificar e procesar información de estrelas, constelacións e atmosferas estelares. Elas deseñaron o sistema que se emprega actualmente en Harvard e Constanza emprega ese sistema para realizar Khipus, ela explica que lle parece moi interesante que no tempo en que en Harvard non había computadoras eran estas mulleres as computadoras. Tamén toma coma referencia no seu traballo ás “The Little Old Ladies Memories”, as “As memorias LOL” que foron un grupo de mulleres que se dedicaron a tecer as memorias ROM para a Misión Apolo. Ela relaciona a computación manual, téxtil e a relación dos fíos e os téxtiles coa computación actual, xa que hai unha vinculación cos primeiros computadores que se fixeron baseándose nunha máquina de tecer. E recórdanos co seu traballo que a primeira muller en facer código foi Ada Lovelance.
Cando xa tiña este artigo rematado e seguindo varios fíos desta investigación que fixen sobre o traballo de Constanza e os Khipus; de súpeto atópome con que temos unha muller galega especialista en e-téxtil, refírome a Paola Guimeráns Sánchez. Resumindo moito, o e-téxtil son tecidos que permiten a inserción de compoñentes dixitais. Pero detrás desta definición tan sinxela escóndense de novo toda unha serie de metodoloxías de autoaprendizaxe e aprendizaxe cooperativo e o uso de ferramentas de código aberto aplicadas ás artes plásticas. Paola investiga diversos modos de produción en relación as artes, a ciencia e a tecnoloxía. Na súa tese “La Tecnología como material creativo: e-textiles y sus derivaciones en el campo de las artes visuales” explica que a inclusión dos e-téxtiles na educación primaria e secundaria ofrece oportunidades pedagóxicas nas áreas de educación plástica e educación tecnolóxica e uso das TIC, moi interesantes. Sobre todo para espertar o interese e estudo en áreas científicas e tecnolóxicas. Resalta que o ámbito do e-téxtil está a ser desenvolto sobre todo por mulleres, polo que entendo que pode ser unha oportunidade para que as nenas teñas referentes mulleres ligadas ao campo da tecnoloxía e a ciencia.
Non me dá tempo a falar moito máis do seu traballo e o ideal sería facerlle a ela unha entrevista, pero o tempo e o espazo chega ao seu límite. Podedes consultar a súa páxina web en referencias.
Referencias:
https://corazonderobota.wordpress.com/

Verónica Ramilo Graña
Son Traballadora Social, Sexóloga e cursando Fotografía, unha das miñas paixóns. Na actualidade estou investigando diferentes procesos de producción de imaxes, que teñan en conta a sostenibilidade ambiental e a autoxestión.

María Pérez Miñones
Nacín na Coruña en 1976. Un día deume por matricularme nun curso para aprender a bordar e desde aquelas sempre ando a experimentar con fíos, teas e outros materiais. Son bordadora de versos, aberta sempre a colaborar con outras artistas.