de Laura M. Castro
No artigo anterior, falabamos dos programas e aplicacións que usamos a diario (no ordenador, no móbil…), e de como a algúns destes programas lles outorgamos a denominación de software libre, en virtude das liberdades das persoas usuarias que eses programas garanten.
Hoxe falaremos da liberdade 1, a liberdade de estudar como traballa o programa, e adaptalo ás propias necesidades. Por que é relevante esta liberdade, por que debe importarnos?
Para garantir que as persoas usuarias temos esta liberdade, é condición imprescindible ter acceso ao código fonte do software. O código fonte é o que escriben as persoas que se dedican a crear programas (un proceso que denominamos “desenvolvemento de software”): trátase dun conxunto de instrucións escritas en linguaxes que os ordenadores entenden e que determinan o seu funcionamento (dito doutro xeito, son o “guión” que segue un ordenador cando executa o correspondente programa). Para que poidamos comprobar o que fai un programa, debemos poder ter acceso a esas instrucións que alguén escribiu. Naturalmente, non todo o mundo entende esas instrucións igual que non todo o mundo fala finés ou quechua, pero como usuarias debemos ter a liberdade de aprender e chegar a entendelo (e o propio código fonte é unha ferramenta moi valiosa, como o son os libros para practicar idiomas) ou de buscar a alguén que o entenda por nós, e unha vez comprendido facerlle modificacións para actualizalo, cambialo ou melloralo segundo as nosas preferencias ou necesidades. En certo modo, é unha situación semellante a cando mercamos unha casa e esiximos os planos eléctricos, os planos da instalación de auga, etc.: podemos non ter coñecementos para cambiar un enchufe ou para cambiar as tubaxes, pero temos dereito a ter eses planos por se precisamos que alguén o faga por nós.
O software que non garante esta liberdade non só impide ás usuarias saber exactamente o que fai (xa que non todas as instrucións teñen por que ser “visibles”), senón que as “ata” ao desenvolvedor orixinal, que é o único que pode cambiar o programa.
_____________________________________________________________________
Laura M. Castro
Nacín en Madrid no 80, de nai e pai galegos que anos mais tarde voltaron á terriña; vivín un tempo preto de Santiago, onde fun ao instituto, e agora levo xa case 18 anos na Coruña, onde estudei e traballo. Tamén vivín durante algúns meses nos USA (en Houston, Texas) e en Suecia (en Göteborg). Son profesora na Facultade de Informática Universidade da Coruña desde o 2005, onde compaxino as tarefas de docencia, moi gratificantes, coa investigación, moi esixentes. Gústame bailar (especialmente cando ninguén me ve), e resolver puzzles. Gústame aprender cousas novas e viaxar con pouca equipaxe. Non leo tanto como me gustaría, e probablemente vexo máis series de TV das que debería.