de Laura Castro
Nos artigos anteriores (este e mais este), presentamos o concepto de software libre, e discutimos dúas das catro primeiras liberdades: a de executar os programas con calquera fin, e a de estudar e cambiar os programas. Hoxe, centrarémonos na terceira liberdade: a de redistribuír copias, tamén coñecida como a liberdade para axudar á túa veciña/o.
— Pero, como que redistribuír copias? Iso non é… piratería!?
— No caso do software libre, non, xa que este tipo de software dános a liberdade de facelo.
— Pero, se eu pago por unha aplicación ou un videoxogo, non é xusto que che deixe a ti unha copia gratis!
— Facer unha copia do teu programa non che prexudica para nada, xa que as copias dixitais son réplicas perfectas que non alteran o orixinal, nin o desgastan, nin lle causan o mais mínimo prexuízo ao seu funcionamento ou calidade.
— Xa, xa, pero eu refírome a quen o vende, que sofre unha perda económica porque non lle pagas pola túa copia.
— Realmente non, xa que ese pensamento parte da premisa de que, quen recibe unha copia, en todos os casos tería pagado por un orixinal. Isto sabemos que non é certo, incluso para o caso de contido multimedia (cancións, películas), que é algo que se consume en cantidades moito máis elevadas que o software.
— Pero, se non se obtén beneficio cada vez que alguén adquire software porque se copia gratuitamente, ninguén quererá facer software!!
— Iso pode parecer un temor fundado, si. No sistema económico no que vivimos, parece lóxico que a xente faga máis de algo se se lle paga ben. Hai quen programa por lecer ou pracer, pero se a sociedade precisa máis software do que fan esas persoas, loxicamente será necesario pagar por el. Pero non estamos falando de enriquecer a ninguén, nin de traballar unha vez e cobrar un milleiro. Se cando se crea software a persoa ou persoas que o fan reciben un prezo xusto polo seu traballo, seguirán facéndoo. Todas as empresas de informática que viven do software libre demóstrano día a día. Novamente, o que faga a persoa ou persoas que lles compran o software non é asunto seu. Fixeron un traballo e cobraron por el: se o usan unha ou máis persoas, non debería influír na retribución que percibiron, xa que o seu esforzo non dependeu diso.
Vivindo en sociedade, a cooperación é indispensable. Se o que compartimos non prexudica inxustamente a quen produce o orixinal nin a quen o comparte, non ten sentido impedir axudar a unha terceira persoa.
_____________________________________________________________________
Nacín en Madrid no 80, de nai e pai galegos que anos mais tarde voltaron á terriña; vivín un tempo preto de Santiago, onde fun ao instituto, e agora levo xa case 18 anos na Coruña, onde estudei e traballo. Tamén vivín durante algúns meses nos USA (en Houston, Texas) e en Suecia (en Göteborg). Son profesora na Facultade de Informática Universidade da Coruña desde o 2005, onde compaxino as tarefas de docencia, moi gratificantes, coa investigación, moi esixentes. Gústame bailar (especialmente cando ninguén me ve), e resolver puzzles. Gústame aprender cousas novas e viaxar con pouca equipaxe. Non leo tanto como me gustaría, e probablemente vexo máis series de TV das que debería.