por Ana María García Fernández
A loita feminista como resposta clave perante a crise humanitaria actual.
Nestes tempos, nos que se valora máis o beneficio capitalista que a supervivencia da humanidade, onde a auga dos mares que conecta mundos se converte nun extenso cemiterio no que é asaz difícil non sentirse avergoñada, é aínda máis precisa a conexión cos valores da terra que nos rodea para saber cal é o noso lugar no mundo e na nosa loita, particular e colectiva. E, cada vez máis, a loita colectiva érguese como a única solución para a supervivencia. A loita pola igualdade, a loita polo rural, a loita polos dereitos de tódalas identidades e capacidades non ten sentido desde o individualismo.
As solucións parten das persoas, pero a loita ten que ser colectiva…
Non podemos esquecer que, por exemplo, os tan denostados dereitos laborais, que nesta época de pandemia foron clave para a supervivencia económica do sistema capitalista, non estarían onde están sen a loita sindical, ou as protestas polas comisións bancarias non terían éxito sen as mobilizacións populares…
Pero ben é certo que en toda esta loita hai unha que emerxe como de particular importancia e que é transversal a todas elas: os feminismos. Os feminismos afectan non só á economía, senón tamén ós dereitos laborais, á supervivencia do rural ou mesmo ao pleno desenvolvemento da humanidade, a metade da cal está sendo exiliada ou asasinada cunhas cifras aínda non consideradas como verdadeira pandemia. Vaiamos por partes… Non por orde de importancia senón por orde de tripas…
O exilio ten nome de muller, e para min ten nome propio: Haydeé Castillo.
Haydeé é a viva loita a prol de todos estes valores dos que estamos a falar tanto neste século XXI. Porén, cantas os levamos á práctica ata as últimas consecuencias? Eu só coñezo unha persoa: Haydeé Castillo. Vouvos contar algo da súa historia. Haydeé naceu no norte de Nicaragua e xa na adolescencia comezou a loitar, literalmente, contra a ditadura de Somoz. Os que naquel momento eran compañeiros de loita (e isto non é un exemplo de masculino xenérico) hoxe deviñeron verdugos, e son culpables, primeiro do seu secuestro; segundo, do seu encarceramento na sede das torturas oficiais de El Chipote (encarceramento que, entre outros, puido rematar grazas ao apoio internacional e á rede que só ela creou ao longo dunha fermosa existencia chea de solidariedade, sororidade e de vida repleta de esforzo e loita a prol das mulleres do rural); e terceiro, dun forzado exilio para ela e a súa familia. Preguntarédesvos por que… A razón é clara e moi sinxela: a loita polo desenvolvemento desde a igualdade; a igualdade de dereitos de mulleres e homes, a loita contra a discriminación de milleiros de campesiñas e campesiños e a propiedade das súas terras, a loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres (aínda cando isto mesmo se termine erixindo como un dos principais motivos de enfrontamento contra o réxime opresor e violador, literalmente). É moi doado contar sobre o papel todo isto, pero hai que vivilo nun contexto de ditadura, onde a vida está por fío: ou estás con nós (goberno) ou estás contra nós, e estar contra nós, réxime opresor, significa que tes que abandonar as túas propiedades,
fuxir como se foses unha delincuente só polo feito de defender os teus dereitos, non os teus dereitos individuais, que tamén, senón da colectividade.
Haydeé é o vivo exemplo de que ou nos salvamos todas e todos ou a humanidade cae a pique, en caída libre… Algunha vez considerastes perder a vida pola colectividade? Paga a pena? A resposta témola, de novo, noutra grande muller que nos di que … e que importa, meu ben, que morramos, se deixamos semente de vencer… Pois Haydeé sementou, aquí na Galiza, alí en Nicaragua… Somos moitas as que queremos seguir berrando pola túa voz, irmá, pola de tantas bravas mulleres que un día se uniron para ter a propiedade das súas terras e vivendas, polo dereito ao aborto terapéutico, pola condena aos violadores no poder, pola liberdade … aínda que sexa “doado” desde a nosa posición de cidadás do norte, pero non por iso temos que deixar de facelo. Nicaragua morre, e con ela milleiros de persoas que loitan pola súa liberdade. Porque a túa loita é a nosa loita, a loita colectiva.
Falabamos antes tamén que, no contexto actual no que vivimos, a loita colectiva é o verdadeiramente importante e que o feminismo (os) é a única loita que abrangue a todas e que permite a análise de todas as loitas desde a súa óptica, pero… todas as loitas inclúen a perspectiva feminista? Nein… No exemplo da loita político-humanitaria de Haydeé é absolutamente transversal, pero pasa así noutras loitas colectivas? Está o feminismo presente, mesmo naquelas que “tradicionalmente” presumen de perspectiva anticapitalista, como pode ser o movemento sindical? A resposta é non… Non hai transversalidade tampouco neste eido, onde a tradición da loita colectiva está presente desde antigo.
A loita colectiva de dereitos na pandemia, por exemplo, tivo cero puntos de inclusión da perspectiva de xénero nas súas demandas
e se non por que as tarefas de coidado seguiron esnaquizando a vida de miles de mulleres que non só tiñan que teletraballar (no mellor dos casos), responsabilizarse da adecuación dos novos espazos de traballo nos seus fogares, á vez que, como estaban na casa, tiñan que ser as coidadoras principais da rapazada que tamén ficou no fogar, cos seus deberes, tarefas on line, comidas… Teletraballo + crianza + tarefas de coidado + tarefas escolares + tarefas comunitarias… O incremento do estrés, da precarización da saúde, dos traballos en b… a quen afectou máis? Establecéronse medidas laborais para corrixir esta desviación? Houbo sindicatos que puxeron a vida no centro, os coidados no centro? Permitídeme dubidalo. Pero ben é certo que tamén están a nacer iniciativas que o teñen en conta, como por exemplo a asociación de Estudos Laborais Feministas, á que teño a honra de pertencer. A loita colectiva, neste caso, enfocada no mundo laboral, dende e para os feminismos.
Por ultimo, e para rematar, despois da loita pola liberdade e a loita en tempos de pandemia polos dereitos laborais, desde a perspectiva feminista gustaríame rematar esta reflexión en voz alta cun albor de esperanza: as mulleres no rural poden mudar o mundo, desde Nicaragua ata Viana do Bolo, baixo unha perspectiva feminista.
O mundo rural erixiuse, ata en tempos de pandemia, como solución, solución para o confinamento, para a vida digna, para o emprendemento.
Só precisamos tres cousas: loita colectiva, unión ou sororidade e políticas públicas que non só apoien de discurso o feminismo, senón que aposten verdadeiramente polo seu discurso para incluílo en medidas económicas, en medidas de apoio, que estean analizadas dende a raíz, e que conten con verdadeiras profesionais que o comprendan e que o apliquen no día a día, ata chegar a esa horizonte onde a análise perda o seu sentido porque o teñamos tan interiorizado que o esforzo non sexa tal e nos saia de xeito semi-automatizado. Non deixará de ser necesario mais si será posible, porque teñamos asumida a súa prioridade. E ese futuro terá que chegar porque será a única solución fronte á extinción da humanidade.
______________________________________________________
Ana María García Fernández
Avogada feminista, consultora e docente especializada. Nada e exercente desde Viana do Bolo (Ourense).
anamariag@femlegal.es