por Sheila Fernández Míguez

Banda sonora para ler este texto: Biutiful (2020) de Mon Laferte. 

Cando a Revirada sacou a convocatoria de Ciberfeminismo(s): a tecnología está connosco ou contra nós? Tiven claro que quería escribir neste número. Logo comezaron a pasar os días e non escribía nada. E non foi por falta de tempo ou circunstancias varias. A triste realidade é que teño pouca disciplina ou como din agora as mulleres modernas, son “procrastinadora”, que queda máis politicamente correcto.

O caso é que, a seis dias de que vencese o prazo (deformación profesional), me sentei a escribir motivada por dúas cousas que me deron azos para falar do impacto positivo da tecnoloxía nunha parte da miña vida. En primeiro lugar, o libro El Placer de María Hesse (2019) coas súas marabillosas ilustracións. Este libro é como ter na palma das mans unha exposición de museo na que podes deterte a contemplar cada detalle sen ter que partillar o espazo con ninguén. E, en segundo lugar, comezar a ver a serie Good Girls Revolt (2015-2016). Concretamente, no segundo capitulo cando van a un círculo de autoconsciencia feminista e chega o momento de mirar a cona nun espello. Na miña imaxinación, un hipotético futuro decálogo feminista recomenda no punto un: mirar a cona cun espello como lugar de partida para iniciar o camiño dos feminismos. 

Eu desde pequena xa me tiña “tocado”, proceso que entendín moi ben lendo O Segundo Sexo de Simone de Beauvouir (1949) —traducido ao galego por Marta Rodríguez Marcuño e publicado por Xerais no 2010—. Porén, eu non sabía como era a miña cona e descubrino na adolescencia tardía, 17 ou 18 anos, grazas a un libriño que comprei na mítica tenda de segunda man Libreria Coleccionistas situada na rúa Romil de Vigo eque atopei de casualidade, xa que a miña nai preparaba as oposicións nunha academia aí ao lado. Ese libriño, do que non recordo o título, marcoume moito, era un caderno sinxelo, creo que editado en Madrid no ano 1977 e acho que a autora era galega, mais presteino e nunca mo devolveron. Só espero que a persoa que o recibiu tamén se mirara a cona e compartira ese libro. Desde entón teño por costume, cada certo tempo, dar una ollada a golpe de espello e ver como vai todo por aí abaixo.

Teño que recoñecer entre pena e vergoña, que se ben sempre me toquei, nunca conseguía correrme eu soiña, gustiño si, mais tampouco unha cousa tola. O cambio e o verdadeiro descubrimento da masturbación chegou rematada a carreira e con 26 anos. E iso que eu desde adolescente vivín unha vida chea de feminismos e militancias nas que se falaba de todas as revolucións menos da do auto pracer… que recatadas eramos aínda moitas feministas naquela primeira década dos dous mil na Galiza.

A MASTURBACIÓN chegou como un efecto secundario da emigración alá polo 2012, e xa co Skype facendo parte habitual da vida. Xa non recordo ben, creo que foi a miña parella daquel momento a que propuxo que usásemos o Skype con fins afectivo sexuais. Até ese momento nunca pasara dun precario sexting, na época das mensaxes a 15 céntimos de euro e algunha que outra foto a un euro a mensaxe multimedia. Foi co Skype e nesas citas con cámara que eu comecei a me tocar como nunca antes me tiña tocado. Se ben era masturbarse para o outro, tamén era para min, eu tocábame xusto onde quería, como quería, coa intensidade que quería, facendo as formas que me apetecía, cunha man aquí e a outra acolá, e repetía e repetía sen ter que guiar a ninguén no proceso, só sentíndome eu a min mesma e coñecéndome. Descubrindo todas esas famosas terminacións nerviosas.

Dende entón son unha amante das relacións con períodos a distancia e tamén da masturbación. A xente en xeral non gusta delas, mais eu penso que para as mulleres heterosexuais ou bisexuais, especialmente cando temos parella masculina, son o mellor e axudan a liberarse un pouco de tanta socialización afectivo-sexual patriarcal. Tes tempo para ti, para viaxar, coñecer xente, para a túa carreira, para o teu crecemento persoal, para masturbarte soa ou acompañada como che dea a gana.

Para escribir as túas fantasías sexuais e enviarllas á túa parella. E a rutina non afecta tanto, porque sempre se reserva un tempo de calidade para falar, cun viño, cunha copa, un prato rico ou un lugar da cidade na que vives que queres amosar, para isto a tecnoloxía é unha grande aliada.

A vida levoume a migrar repetidas veces. Nunha desas voltas a Galiza a miña parella (nese período) polo meu 31 aniversario agasállame un vibrador, un golfiño rosa. Presente recomendado por unha amiga del. Nese momento teño que dicir que quedei de pedra e non me fixo moita graza. Porén, hoxe estou eternamente agradecida a amiga X (se me estás lendo obrigadísima). Vivan os xoguetes sexuais! Tiñan que regalarnos un aos 15 anos. 

Lamentablemente, ás veces a convivencia non deixa moito espazo para a masturbación. Agora que de novo vivo soa volvín pasar horiñas co meu golfiño, redescubríndome outra vez. Isto lémbrame outra gran serie, a sueca Amor e Anarquía (2020), onde a súa protagonista heterosexual, casada e con crianzas ten que esconderse no baño para poder masturbarse.

Vou dando a despedida. Para min a tecnoloxía foi de axuda para coñecer e desenvolver máis a miña parte sexual, coa tecnoloxía aprendín a correrme comigo mesma, ás veces na distancia compartindo ese momento con outra persoa, ás veces eu soa coas miñas fantasías. Agardo que a revolución do famosos Satisfyer (succionado de clítoris que aínda non experimentei) sexa a desa xeración de mulleres que non teñen que esperar nin aos 26 nin aos 31 para poder correrse ou ter un xoguete sexual. Agora aos meus 35 vou darme o gusto de seguir investigando no mundo do pracer, coñecer outros xoguetes sexuais e mergullarme (en época de pandemia) nas aplicacións de ligar, nas que aínda non teño moita experiencia e nas que vou dando os primeiros pasiños no Tinder, Okcupid, ElitePartner e Tandem, mais esta xa será outra historia. Terei ou non terei corazón de algoritmo?





Sheila Fernández Míguez é Doutora en Dereito e activista polos dereitos humanos. Muller da Galiza rural, feminista e avogada-investigadora polos dereitos humanos e migrante.
Email: gz.sheila@gmail.com
Blogue:https://ecosistemajuridico.blogspot.com/


Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad