de Mai Insua
Hai un tempo estou a tentar diversificar o amor, ou, como dirían Mujeres Creando [1] , “querer todo el paraíso”. Por feminismo, por Lesbianismo, por vivir, porque nos corresponde. Así que estou nesta aventura persoal de desprazar á parella do centro da vida e do alto dos afectos, de cargarme as xerarquías afectivas e as fronteiras do que é unha “amiga”, unha “compañeira de loita”, unha “amante”, unha “noiva”… E do que “está ben” facer con elas. Loito contra o amor romántico [2] todos os días, e contra a monogamia (con esta perdo case sempre) e fago debuxos nos espellos e bebo de compañeiras e pego notas polo cuarto para recordarme que eu son o meu centro. (Logo penso que debo estar bastante descentrada aínda cando fago por lembrarmo tanto…). Tamén tento coidarme, seducirme, e ata me pedín para saír o 2 de xullo do 2014 (nunha relación aberta) mentres tendía a roupa no xardín, porque polo medio de todo isto descubrín que son mellor compañeira de outras do que o son de min. E a maior parte do tempo esquéceseme! Imaxina esquecer que estás nunha relación con outra… Estou en camiño, esa é a cousa, de continuar a despatriarcalizarme e de empoderarme, e aínda que creo que non traguei esas merdas de todo nin de pequena, agora vivo máis consciente a través das certezas. Unha a través da que vivo especialmente é a de que a sexualidade e os afectos son unha gran bomba Lesbofeminista; outra, chámase Amanda.
A Amanda admíroa enteira (máis cada vez) mais unha das cousas que admiro profundamente é como transforma a intimidade. Esa é toda unha forma de estar no mundo, que crea beleza e amor, e sensación de fogar que se expande.
É verán en Compostela (un día de verán de verdade) e nós queremos pasalo xuntas. Dígolle que veña á piscina e así xogamos na auga e no sol, e conversamos sobre sexo, amor e Lesbofeminismo rodeadas de familias nucleares de clase alta. A pluma incomoda, o contacto físico incomoda, os pelos incomodan, a androxinia incomoda… E a gordura incomoda infinito. Mais, a miña compañeira loce a gordura coma ninguén e eu adoro lucir a miña pluma; as nosas risas salpican e inundan.
Na casa, metémonos xuntas na ducha, e o son das nosas voces mestúrase coa calor e o bafo. O tempo está fóra mentres falamos sentadas na bañeira, e nalgún momento decidimos que claro, que imos cear e durmir xuntas.
Na cea ole a noite e a verán, e na cama hai unha luz tenue e soa algo de fondo. Mentres, Amanda fala movendo moito as mans e curiosea e xoga con todo o que hai ao redor, así, como fala ela. Na mesiña, dous dos meus vibradores saúdannos.
– Pero mira o que hai aquí! (Bromas) Quero comprar uns, nena, e estes gústanme pero parécenme un pouco pequenos. Ou molan?
– Depende do que queiras (explicacións sexolóxicas). A min mólanme moito. Pero próbaos, é a mellor forma de saber se gostas.
E “ai, que vergoña! Pois si, veña! Vou probar… De verdade, as cousas que fago contigo… Pero que vergoña diante de ti!” E risas, moitas risas, e miradas cómplices.
– Mais ti tamén, non? Non vou estar eu soa aquí pegándome a festa! Ti falo comigo?
– Veña vai, próbaos… E eu acompáñote!
Collemos un vibrador cada unha e poñémonos ao carón, boca arriba. As risas fanse máis pequeniñas, o son das vibracións máis grande, e quedamos no silencio do sexo no que se escoitan nitidamente respiracións, movementos, texturas… Adiviño o que fai polo movemento da cama, e adiviño o pracer polo son do xoguete e o son do seu fluxo. Sinto como respira máis rápido, como vibra máis rápido, e eu gosto e excítome e por veces desconcéntrome pensando “estamos a facelo!” Quero estimularme o clítoris e a vaxina, collo outro vibrador, máis dentro, máis forte.
– Como vas, nena?
– (Soa “a súa voz de sexo” e é divertido). Moi ben. Ao mellor non teño un orgasmo pero estou pasándoo moi ben e estou a gusto.
– Pois eu estou case… Igual chego tentando esperarte…
– Pero non me esperes! (A sororidade…) Fai as túas cousas, córrete, goza!
E, uau… T e n u n o r g a s m o. A miña amiga! Coa que teño falado tanto de sexo, coa que teño partillado feminismo de corpo, de mente, de tripas, de rúa, coa que teño rido e chorado, coa que transformo a intimidade, coa que estou irmandada por escolla Lésbica e de vida… E encántame! Sorrimos e rimos mentres se lle acomoda a respiración.
– Que queres que faga? Acompáñote? Que precisas?
– Non te preocupes, estou moi ben. Mira, facemos unha cousa: vou poñerme na postura na que adoito correrme cando me masturbo, e se chego, guai, e se non, durmimos, paréceche?
– Si, perfeito.
Dou a volta para poñerme boca abaixo, apoiándome nos xeonllos e as mans. Abro as pernas e entro con dous dedos na vaxina, deixando a palma da man sobre o clítoris. A.Amanda móvese e achégase a min, e sinto a súa cara e o seu cabelo no brazo que apoio na cama. Comezo a moverme deslizándome polos dedos, e sinto o meu fluxo, calor… Ela comeza a masturbarse outra vez, acompañando o meu ritmo. Fantaseo e móvome e móllome máis e sinto os meus músculos e o meu corpo entrar no sexo, a saliva nos beizos, a mente animal. Excítome e escóitome respirar, e o son do meu fluxo. Latexos nos peitos e a vaxina, o meu corpo treme e respiro como só o fago antes do orgasmo, que sae pola boca e o corpo e palpita arredor dos dedos. Amanda córrese outra vez.
O pracer espállase… E aparece só un pensamento fugaz que se esvanece mentres me deixo caer sobre a cama:
Por que non fixen isto antes?
Mai, Lésbicas Creando
Dende a Casinha da Felicidade en Abril do 2015
Notas de rodapé
[1] http://www.mujerescreando.org/
[2] O romanticismo patriarcal (…) está cargado de promesas que nos frustran, de prohibicións que nos suxeitan, de divisións imaxinarias que nos separan, e doutras cuestión culturais que teñen moito que ver co noso sistema económico e político. Por exemplo, os ciúmes, o exceso de apego, os medos ancestrais ao abandono, as relacións de dependencia, ou a euforia que nos fai sentir o sentimento de posesión sobre outras persoas”. Coral Herrera