por Mai Insua

Comprender un pouco máis a ansiedade e o positivo que tamén nos trae, xunto a algunhas claves para acompañarnos.

Gustaríame que durante estas liñas puidésemos falar un pouquiño sobre a ansiedade. Es moi benvida, especialmente se algunha vez a sentiches ou se estás a sentila agora. 

Cando penso na ansiedade, lembro moitas sensacións e momentos. Tres deles téñoos gravados como fotos mentais polaroid: 

POLAROID 1 (dous anos e medio atrás, aprox.): vese a consulta da miña terapeuta. Ela está fronte a min e eu estou botada para adiante no sofá, ocupando espazo co corpo, braceando e dicindo de forma contundente: “Que non me dá a gana de ter ansiedade! Eu non son unha persoa con ansiedade!”

Ela mira para min, calma, e fala cunha voz que nese momento resoa chamánica: “Pois tes dous problemas: ter ansiedade e non aceptar que a tes.”

Silencio. Bótome para atrás no sofá e sinto apoiado nel todo o peso do meu corpo.

POLAROID 2 (dous anos atrás, aprox.): estou facilitando un espazo de autodefensa feminista cun grupo que coñezo e quero. Este día, excepcionalmente, facilítoo soa. Levo toda a semana con moita ansiedade e sigo téndoa durante a aula; non percibo con claridade o arredor e non podo osixenarme ben coa miña propia respiración. Dou a peor aula de autodefensa da miña vida.

POLAROID 3 (atemporal): leo un cómic inmersa nel. A ansiedade ponse brandiña comigo cos cómics e fica máis pequena, facéndome consciente de respirar e do meu interior. Mío está sobre o meu corpo e sinto a súa calor e a súa respiración animal; a súa calma. Sinto unión con el e sanación.

Estas tres imaxes gárdoas con especial cariño, porque representan para min tres puntos de inflexión e parte da viaxe á que nos convida a ansiedade. 

Podemos facer un pequeno tramo xuntas agora.

(UN PEQUENO ESBOZO DE) QUE É A ANSIEDADE E COMO FUNCIONA 

A ansiedade ten que ver cun sistema natural de alerta que traemos de base e que está relacionado coa nosa supervivencia. 

Imaxina unha cerva comendo herba na selva. Por un lado, precisa a calma suficiente para estar parada, alimentarse, gozar e procesar o que come e, por outro, precisa manter certa atención de fondo coa que poder captar calquera cambio no contorno que indique a presenza dun depredador e, así, aumentar as súas posibilidades de supervivencia. 

Imaxina agora que, efectivamente, aparece un depredador. Unha leoa famenta entra en escena e camiña amodo e con cautela cara a cerva. O sistema de alarma da cerva dispárase e envía ao organismo a mensaxe de ameaza vital, polo que este entra en modo supervivencia: paraliza todas as actividades que neste momento considera secundarias como a dixestión ou o desexo sexual e concentra todas as súas enerxías nunha resposta complexa e explosiva que mobilice hormonas como a adrenalina, aumente a frecuencia cardíaca e respiratoria e a tensión muscular que permitan á cerva correr todo o que o seu corpo poida. 

A cerva correrá ao límite mentres dure a persecución. Se a leoa a alcanza, tratará de escapar con todas as súas forzas. A resposta explosiva de supervivencia durará ata que consiga salvarse ou non, entre uns segundos e uns minutos. Logo irá descendendo ata volver ao seu nivel de activación de base, ao que sería o seu estado habitual nunha situación de calma. 

Este sería o funcionamento adaptativo do sistema, por estar relacionado cunha ameaza á vida e por favorecer unha resposta de supervivencia. 

No caso da ansiedade, o sistema fica hipersensibilizado, detectando ameazas vitais que non están sucedendo aquí e agora e, por tanto, sen permitirnos recoñecer que pasa nin responder. Isto é a ansiedade: o noso sistema de ameazas vitais hiperactivado, funcionando de fondo e deslocalizado dun espazo e tempo concretos. É como un estado anticipatorio de que algo malo vai pasar, pode suceder en calquera momento e eu non podo facer apenas nada ou nada para evitalo. 

Podemos narrala de máis formas pero esta, na miña experiencia e, en especial, na experiencia de acompañar a outras, constitúe o núcleo central. 

Lembras á cerva co seu organismo completamente ao límite porque só así tiña posibilidades de escapar? Por iso cando sentimos ansiedade nos sentimos tan mal, porque o noso corpo está, literalmente, en explosión por dentro, mentres nós estamos facendo a nosa vida cotiá. 

Lembras que a persecución entre a leoa e a cerva duraba entre uns segundos e uns minutos? Por iso a ansiedade vai acompañada de toda unha serie de síntomas, que van dende xaquecas, problemas dixestivos e de concentración ata ataques de pánico, insomnio, despersonalización ou desmaios, porque esta resposta que traemos de base non está preparada para manterse estendida no tempo. 

Non podemos funcionar ben estoupando por dentro e isto, en realidade, é un elemento de saúde; unha forma na que o noso corpo nos protexe.

Porque, a pesar de como nos sentimos cando a temos, a ansiedade vén para traer cousas boas. Esta é unha delas, e precisamos interiorizala como un mantra: o noso corpo sempre está ao noso favor. 

Esta verdade é radicalmente importante e unha das grandes razóns polas que escribo isto para falar contigo. É especialmente importante para nós como mulleres decidir confiar no noso corpo e na forma na que nos fala, porque nos ensinaron a relacionarnos con el como inimigo. Aprendemos a interiorizar a culpa, a que se algo vai mal é porque hai algo malo en nós, e a pelexar coas pantasmas de louca, enferma, rota, insuficiente… que a propia dinámica da ansiedade reforza por parecer ilóxica e polo malestar que causa, afectando de maneira profunda o noso autoconcepto e autoestima. 

A ansiedade, ademais de por outros factores, está atravesada polo xénero e pola interseccionalidade das opresións. Ou non é se non a voz “algo malo vai pasar, pode suceder en calquera momento e non podo facer apenas nada ou nada para evitalo” unha voz que nos persegue ás oprimidas nun sistema que nos violenta?

Pois ben, non estás louca, nin rota, nin es mala nin insuficiente… só tes ansiedade. E ademais non deixas de ser quen ti es por tela, porque a ansiedade é unha das moitas cousas que tes no teu interior e, dende logo, es sempre moito máis que “unha persoa con ansiedade”, aínda que agora mesmo poida parecer que o ocupa todo. Tampouco vas vivir sempre coa ansiedade que sentes agora: podes imaxinar a túa vida máis aló porque, en realidade, a vida é moito máis liviá do que semella cando nos sentimos desta forma.

Precisamos interiorizar, igual que o mantra en relación ao noso corpo, que se temos ansiedade é porque en nós ten un sentido; que nalgún momento, habitualmente na infancia, aprendemos que ese nivel de atención aos cambios sutís do contorno podía protexernos, do mesmo xeito que a cerva aprendeu a percibir se a leoa está preto e a escapar para salvarse porque ten medo.

Sendo pequeniñas, esta foi unha das respostas posibles a través das que protexernos. Porque o noso corpo non nos sabota; protéxenos. Agora de adultas, ademais desta sabedoría interna, temos outras ferramentas e toda a capacidade de aprender as que precisemos. 

Todo isto non elimina o que supón lidar coa ansiedade, pero si muda a perspectiva e o sufrimento. Neste sentido, o segundo mantra é que a ansiedade sempre aparece para traernos unha mensaxe: a de que precisamos transformar algo en nós e, mentres o facemos, tratarnos con moita tenrura e comprensión; estar amorosamente con nós mesmas. Porque ter ansiedade é menos importante que como nos tratamos cando a temos. 

A ansiedade é como unha amiga que vén para dicirnos as cousas duras pero importantes, porque son as que nos levarán verdadeiramente a vivir mellor, con máis aire. En lugar de tratala como sabotadora, podes tomala como indicadora das túas direccións, do que para ti pode ser bo.

A Polaroid 2 é unha das miñas escenas temidas. Cando pasou, de todo o terrible que anticipaba que podía acontecer ao final desa aula, sucedeu o contrario: percibín que no grupo seguían a ter a mesma relación entre elas, coa autodefensa feminista e comigo; que a forza dun espazo así non depende dun día nin de máis días—, de explicacións embarulladas pola ansiedade nin tampouco a confianza e o cariño que depositaran en min. E, case maxicamente, a miña confianza en min mesma aumentou, porque puiden ver coa mesma dose de verdade que podía permitirme “fallar”, que era humano e que o que construíra en min non era tan fácil de perder. 

Canto espazo para a vida dá isto; canto osíxeno e liberación.

A pantasma dunha das miñas escenas temidas apareceu e ficamos fronte a fronte mirándonos nos ollos; só así puidemos sorrir e descubrir que nada era tan fráxil e que, ao mesmo tempo, todo o humano o era, e estaba ben así. Só así puiden ver que esta pantasma terrible tiña na verdade un corpo doce e abrazala dicindo “grazas, grazas”.

Desexo para ti esta viaxe transformadora a través da ansiedade, e que te encontres así de fronte coas túas propias pantasmas. 

Así de doce. 

______________________________________________________

Mai Insua

Mai Insua

Psicóloga e Terapeuta Sexual dende unha perspectiva de Terapia do Reencontro, feminista e LGBITQA+. Acompaño para crecer dende o empoderamento, o pracer e o botrato a través da terapia, a formación-educación e a autodefensa feminista.

mai.sexualidade@gmail.com

IG @mai.insua // Web: ensororidade.org

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad