por Laura M. Castro

Son as voces das mulleres as que se erguen para denunciar os prexuízos que a tecnoloxía, na súa forma actual, está a causar.


Catherine Helen O’Neal é unha matemática graduada en Berkley (California) e doutorada en Harvard. Despois de case unha década como académica en institucións como o MIT (Boston) ou o Barnard College (Nova Iorque), pasa a traballar no sector privado, nomeadamente no financeiro, incluíndo o paso por un fondo de inversión de alto risco. Como resultado das súas experiencias, únese ao movemento Occupy Wall Street e en 2016 publica Weapons of math destruction, onde denuncia o rol dos algoritmos de big data previo á crise económica, concretamente como o seu deseño e uso mantén e reforza as desigualdades sociais.

Sara Watcher-Boettcher é facilitadora e activista, fundadora e directora dunha empresa de consultoría que asesora sobre cultura e ambiente empresarial e accesibilidade de produtos tecnolóxicos. En 2017, publica Technically wrong, onde visibiliza as barreiras que os produtos e servizos informáticos poñen no noso día a día, froito da falta de atención á nosa diversidade ou, dito doutro xeito, á artificial “homoxeneización” que se fai das persoas cando se nos pensa como “usuario”


Safiya Umoja Noble é socióloga, graduada na universidade californiana de Fresno, e doutora en biblioteconomía e ciencias da información pola universidade de Illinois. Con ampla traxectoria laboral no eido da publicidade, o márketing e as relacións públicas, publica en 2018 o libro Algorithms of oppression, no que condensa a intersección da súa experiencia laboral e o seu labor de investigación académica explicando a perversa relación entre o deseño dos algoritmos de procura realizados por empresas con ánimo de lucro como Google e a perpetuación do racismo e o sexismo, xunto co perigo da súa omnipresenza e a percepción que o público ten destas ferramentas como neutrais e, polo tanto, dos seus resultados como representativos da realidade e mesmo inevitables.

Virginia Eubanks é profesora de ciencias políticas na universidade de Albany (Nova Iorque), e leva máis de vinte anos participando en movementos de xustiza económica. En 2018, publica Automating inequality, onde investiga o impacto dos modelos e algoritmos preditivos, de uso cada vez máis estendido tanto por entidades privadas como públicas, nas clases traballadoras e máis desfavorecidas.

Shoshana Zuboff licenciouse en filosofía na universidade de Chicago, posteriormente doutorouse en psicoloxía social en Harvard e entrou a formar parte da Harvard Business School, onde hoxe é profesora emérita. En 2019 publica The age of surveillance capitalism, onde define o modelo dos grandes xigantes tecnolóxicos como Google de Amazon como un novo tipo de capitalismo, baseado na redución das persoas a conxuntos de datos froito das súas accións e interaccións online que, pola súa utilidade á hora de predicir comportamento, constitúen un valor económico en si mesmo co que se comercia a futuro en mercados de investimento sen ningún tipo de control ou regulamentación.

Ruha Benjamin é graduada en antropoloxía polo Spelman College de Atlanta (Georgia) e doutora en socioloxía pola universidade californiana de Berkeley. En 2019, publica Race after technology, onde presenta o concepto de “código do novo Jim”, un xeito de caracterizar as prácticas discriminatorias que, por ignorar desapercibidamente as desigualdades sociais, ou mesmo coa boa intención de evitalas, acaban por trasladan á tecnoloxía de automatización que nos rodea esas mesmas desigualdades, que resultan así ademais amplificadas.

Mary L.Gray estudou antropoloxía na universidade californiana de Davis e o mestrado na mesma materia na universidade de San Francisco, doutorándose despois en comunicación na universidade de San Diego. Ademais de postos como docente en diversas universidades, é investigadora senior en Microsoft Research. En 2019 publica Ghost Work: How to Stop Silicon Valley from Building a New Global Underclass, onde acuña o termo “traballo pantasma” para denunciar as condicións de traballo das persoas que, dun xeito ou outro, constitúen a forza oculta de traballo que permite o funcionamento dos grandes entes tecnolóxicos, como por exemplo as persoas que se dedican a etiquetar, ordenar ou revisar contidos en redes como Facebook ou Amazon, que entretanto “venden ao público” as bondades das súas supostas “intelixencias artificiais”.

Sasha Costanza-Chock é graduada en comunicación na universidade de Harvard e despois obtivo o mestrado na mesma materia na universidade de Pennsylvania co seu correspondente doutoramento na universidade de Southern California. Experta en medios e movementos sociais, actualmente é profesora no MIT (Boston) e en 2020 publica Design justice, un volume no que describe, desde un punto de vista tanto teórico como práctico, as iniciativas que emerxen das comunidades marxinais e que desafían e confrontan o deseño tecnolóxico imperante para desbotar, no canto de reproducir, as desigualdades estruturais.

Estas oito mulleres e oito volumes son a referencia máis recente e actualizada para entender que vai mal, por que, e como enfrontalo, no desenvolvemento da tecnoloxía actual e futura, nas súas distintas perspectivas: desde a máis humanista á máis puramente económica. Representan as voces que xa ninguén pode calar, as que denuncian e argumentan para desbotar de vez o mito da tecnoloxía bondadosa, neutra e “que é como é”. Deberían constituír lecturas obrigatorias tanto para a sociedade en xeral, a quen deben empoderar, como para as futuras profesionais do mundo tecnolóxico, cada vez máis multidisciplinar, a quen deben concienciar e dar ferramentas.

A era na que a informática resolvía os problemas e respondía os intereses que un grupo de homes brancos decidía nunha sala de reunións ou arredor dunhas cervexas chega á súa fin. Estes son os seus epílogos. Comeza a era na que a tecnoloxía debe responder polas súas implicacións sociais, polo seu papel como axente cultural e económico. Estas son as súas ideólogas.


Laura M. Castro @lauramcastro

Nacín en Madrid en 1980, de nai e pai galegos que anos máis tarde voltaron á terriña; vivín un tempo preto de Santiago, onde fun ao instituto, e agora levo xa case 18 anos na Coruña, onde estudei e traballo. Tamén vivín durante algúns meses nos Estados Unidos (en Houston, Texas) e en Suecia (en Göteborg). Son profesora na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde o 2005, onde compaxino as tarefas de docencia, moi gratificantes, coa investigación, moi esixente. Gústame bailar (especialmente cando ninguén me ve) e resolver puzzles. Gústame aprender cousas novas e viaxar con pouca equipaxe. Non leo tanto como me gustaría, e probablemente vexo máis series de TV das que debería.


Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad