por Aranxa Vicens

Ilustración: Julia

Migrar. Eterno loito. 
Dende a miña experiencia quero compartir os obstáculos, estigmas, feridas que me atravesaron e, que aínda até hoxe, seguen facéndome dano. Moito tempo carguei coa culpa da “decisión”, eu asumía que os problemas mentais que tiña eran consecuencia da miña decisión de migrar, ata que me din conta de que eu nunca decidín facelo. Moitas coma min migramos forzosamente polos contextos violentos e precarios dos nosos países, provocados polas dinámicas colonialistas que seguimos arrastrando até a actualidade. 

No ámbito da psicoloxía, o noso loito migratorio é reducido ao “Síndrome de Ulises”, na comparativa co heroe grego que padeceu innumerables adversidades e perigos lonxe dos seus seres queridos. Porén, os nosos camiños non son iguais e este diagnóstico trata de homoxeneizar as nosas historias. A homoxeneización é unha ferramenta eurocentrista utilizada tamén para crear imaxinarios e estereotipos negativos: que somos vagos, delincuentes, perigosos, inferiores, etc. Os imaxinarios crean a barreira entre realidades (unha hexemónica e outra invisible) e non deixan ver o esencial do noso ser, son unha ferramenta inhumana que nos reduce a unha liña que trata de explicar as nosas complexidades.

Teño diagnosticada ansiedade crónica e trastorno depresivo; destes derivan a disociación/despersonalización (DPDR), o desarraigamento, o medo ao cambio, a personalidade retraída, bloqueos espazo-temporais e problemas de memoria, todo unido pola argumentación do “trauma”. Tomo seis pastillas ao día para manterme a flote, e cada 15 días vou a terapia cunha psicóloga especializada en trauma e desarraigamento. Nun principio pensaba que coa mestura dun diagnóstico con medicación, a terapia e a miña vontade podería atopar unha solución, ou polo menos ferramentas para combater as pantasmas da migración. Non obstante, os factores externos non son considerados nesa ecuación e co tempo non só non desaparecen, senón que se multiplican e mudan.

No Estado Español a taxa de alumnes migrantes que abandonan os estudos de xeito prematuro está no 31,9 %, fronte ao 15,6 % dos estudantes autóctonos1. Amais disto, as mulleres temos peor calidade de vida e saúde mental que os homes2. Existen moitos estudos enfocados na análise da relación socioeconómica con nosos padecementos: probablemente sexan máis os estudos feitos que as ferramentas emancipadoras existentes até a actualidade, pois, coma sempre, somos obxecto de estudo e non suxeito emancipado. O acceso a unha sanidade publica, de calidade e con garantías nunca chegará a ser real para todes se unha parte da poboación está enferma de factores sociais e estruturais dos que ninguén asume a súa relevancia. 

É un feito que o proceso migratorio é un factor de risco en si mesmo, e se se engade a vulnerabilidade persoal, social ou familiar, pode favorecer a aparición de trastornos mentais. Os especialistas e a sociedade teñen que asumir o peso dos factores macro-estruturais que nos asfixian día a día. Porque así como se fala do dobre teito de cristal, da interseccionalidade e de coidados dende a esquerda branca, tamén deben cuestionar a súa responsabilidade con respecto á saúde mental dos que viven na sombra da hexemonía. Somos a cara da “multiculturalidade” nun territorio que nos segrega nos sectores da limpeza e coidados, e moitas mulleres manteñen a súa saúde mental a costa da nosa explotación laboral. A historia é a mesma de sempre, o feminismo hexemónico e a esquerda branca seguen enfocando a súa loita cara diante e déixannos atrás. 

“É un feito que o proceso
migratorio é un factor de risco
en sí mesmo, e se se engade a
vulnerabilidade persoal, social ou
familiar, pode favorecer a aparición
de trastornos mentais.”

Na actualidade, o consumo de antidepresivos e ansiolíticos medra cada vez máis e o prezo destes mesmos baixa: é máis sinxelo receitar pastillas e experimentar cos efectos nos pacientes que investir en mais postos de traballo na sanidade pública para psicólogos, psiquiatras e neurólogos, coas ferramentas de traballo necesarias para cada un deles. Estanse banalizando as enfermidades mentais só porque moitos dos síntomas non son visibles. Este mecanismo estratéxico político de esconder os problemas debaixo da alfombra aplícase na maioría dos servizos públicos e con énfase na poboación mígrante. Mentres tanto, hai miles de persoas sen papeis que non teñen acceso á sanidade pública: soamente no primeiro semestre do 2019 o Estado Español recibiu a 348.625 inmigrantes3, nestes datos poden non estar incluídos aqueles que cruzan as fronteiras físicas de forma clandestina.  

A integración social (ligada inevitablemente á saúde mental) non pode depender da adaptación dos que veñen de fóra ao sistema establecido nos territorios. Cando nós migramos traspasamos fronteiras físicas pero tamén simbólicas e emocionais. Desfacérmonos do noso coñecemento empírico e das nosas costumes e tradicións para encaixar na sociedade europea remata por deixarnos baleiros e espidos para adoptar o disfrace de “cidadán do mundo”. A dicotomía de “ser ou non ser” do teu lugar de orixe e/ou onde resides vai más alá dos nosos pensamentos e deriva en condutas e feridas que aparecen e nunca poderán pecharse. A adaptación nunca será a solución e a migración debería enriquecernos en cultura e experiencias, non facernos escoller “o que queremos ser”, cando xa somos. Porque somos e resistimos dende que existimos. Esiximos unha integración social de calidade, unha sanidade pública para todes e un cambio do discurso progresista predominante, onde se collen as nosas historias e se constrúe o concepto de “diversidade” sen atender as nosas diferencias. 

Dende a miña perspectiva, migrar é o máis doloroso que fixen na vida. Aprendín tantas cousas en tan pouco tempo e tiven que medrar a unha velocidade indescritible para poder coidar de min nunha situación totalmente nova, onde me atopaba vulnerable. Ninguén sentía o mesmo ca min, porque non coñecía a ninguén que tivera que deixar a súa vida “anterior” no seu territorio de orixe, e que descubrira que esa vida non era válida nun novo territorio. Ser distinto e socializar cun grupo de persoas hexemónicas resulta bastante violento, os teus mecanismos de defensa póñense alerta e pouco a pouco vas cambiando, mudando de pel, reprimindo o coñecemento que tiñas adquirido e adoptando outro, facendo mesturas na linguaxe, tratando de facer posible unha persoa que sexa metade dun sitio, metade doutro. Pero mover cousas dentro de nós para sobrevivir trae consecuencias, e nese camiño perdín a miña saúde mental. A migración detonou en min unha serie de síntomas contra os que catros anos despois sigo loitando.

Agora levo moito tempo reparando o dano que me fixeron, porque a responsabilidade non é miña, a responsabilidade é social e estrutural. O racismo interiorizado das institucións, dos profesores, das amigas e compañeiras non é responsabilidade miña. Darme conta disto foi un proceso moi difícil no que me afastei de persoas (e de min mesma) e coñecín a moitas novas (e a min mesma tamén). Non vou mentir, hai días que sinto que non paga a pena, e quero parar. “Estou cansa” é o que máis repito cando me sinto ao borde do abismo. Estou cansa porque reparar o dano en min mesma, construír un fogar dende cero, ser selectiva nas miñas compañías, entender as miñas desvantaxes e asumir os meus privilexios, facer activismo, manterme activa na loita antirracista mentres saco unha carreira e teño que tomar decisións sen ningún sustento fixo económico é cansado. 

Son incapaz de separar o persoal do político, levo este sentimento dentro dende sempre. Son suxeito político e, ademais, son resistencia. Tiven sorte moitas veces porque sigo aquí e viva. E seguirei loitando para que calquera que estea nese punto onde eu estiven saiba que somos moitas. E para que cada vez que alguén se sinta violentada, saiba que hai colectivos que poden amparala, e sobre todo que poden comprendela. Hai tempo que me din conta da importancia de poder reflectirte en alguén coma ti. Cando parece que ti es o detonante de todo o malo do que che pasa, porque o teu contexto sempre estivo igual e o suxeito novo es ti, poder estar en compañía de compañeiras que pasaron por camiños similares dáche esperanza, e resistir en terra allea parece posible. 

Notas:

1 EFE (2020). Extranjeros en España tienen mayor tasa de abandono escolar temprano de la UE. [online]La Vanguardia en: https://www.lavanguardia.com/vida/20190117/454182759319/extranjeros-en-espana-tienen-mayor-tasa-de-abandono-escolar-temprano-de-la-ue.html [13 Feb. 2020].

Bones Rocha K, Perez K, Rodriguez-Sanz M, Borrell C, Obiols J E. Prevalencia de problemas de salud mental y su asociación con variables socioeconómicas, de trabajo y salud: resultados de la Encuesta Nacional de Salud de España. Psicothema 2010: 22(3): 389-395.

3 Epdata.es. (2020). Población en España hoy: inmigrantes, emigrantes y otros datos sobre los habitantes de España. [online] Available at: https://www.epdata.es/datos/poblacion-espana-hoy-inmigrantes-emigrantes-otros-datos-habitantes-espana/1/espana/106 [13 Feb. 2020].

______________________________________________________

Foto perfil (1)

Migrante e Activista loitando no cotián, con e polas ferramentas antirracistas que emancipan a nosa existencia.

Son Resistencia.

aranxavicens@gmail.com

Twitter: @aranxavicens

Instagram: @aranxavicens

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad