de Laura M. Castro

Internet é máis ca un océano de información, é unha galaxia, un universo, por veces case un buraco negro, como o que recentemente visualizabamos por primeira vez na historia grazas, entre outras, á doutora en enxeñaría eléctrica e computación Katherine Bouman.

A libraría (así é como chamamos en informática aos programas destinados a servir de apoio a outros programas) que inclúe o archimencionado algoritmo que fixo a imaxe posible (ou, mellor dito, conxunto de algoritmos, que non son máis que series de instrucións para que as máquinas executen unha tarefa determinada que lles damos os humanos nalgunha linguaxe de programación), é software libre —tal e como comentabamos en artigos anteriores— xa que ten unha licenza GPL que garante todas as liberdades que temos explicado.

Pero que hai dos programas que usamos acotío para asomármonos a ese buraco negro da Internet? Estes programas, denominados navegadores, son a nosa porta de saída á “rede de redes”… Deberiamos preocuparnos por se son software libre ou non? Sen volver reiterar todas as liberdades que o software libre nos garante como usuarias do software, os navegadores máis empregados son: Chrome, Firefox, Safari e Microsoft Explorer/Edge. Segundo o sistema operativo que teñamos instalado no ordenador/tableta/teléfono e que empreguemos para consultar Internet, será máis probable que esteamos a empregar un ou outro, xa que cada sistema operativo trae preinstalado algún deles. Por exemplo, os móbiles e tabletas con Android (programados por Google), empregan Chrome. Os produtos de Apple (iPhones, iPads, iBooks…) empregan Safari. Os produtos de Microsoft fan o propio con Microsoft Explorer/Edge. Por último, a maioría das distribucións Linux, como por exemplo, Ubuntu, adoitan ter instalado Firefox.

Destas catro opcións maioritarias, só Firefox é completamente software libre. Safari ten un motor que é software libre, é dicir, a parte interna que contén os algoritmos que permiten navegar pola rede é software libre, pero a interface —a parte coa que interactuamos as usuarias e ten os menús, botóns, etc.— é non libre. Pola súa banda, os navegadores de Microsoft son enteiramente non libres, igual ca Chrome. A diferenza entre eles reside en que os de Microsoft teñen custo (hai que pagar por eles, e ese prezo é parte do que nos cobran polos ordenadores, portátiles ou teléfonos que mercamos con sistema operativo de Microsoft), mentres que Chrome é distribuído por Google de xeito gratuíto (pero lembremos: gratis non é o mesmo ca libre, e nese sentido Chrome non é software libre, simplemente custa 0 €). Existe tamén o navegador Chromium, que si é software libre e é a base de Chrome. Cal é a diferenza entre ambos, entón? Pois os engadidos que Google soamente fai á versión non libre (Chrome) para a reprodución de contidos multimedia ou a recollida automática de información de navegación das usuarias, por exemplo.

A boa noticia é que, empreguemos o ordenador/tableta/teléfono que empreguemos, é altamente probable que a opción completamente libre, Firefox, estea dispoñible para que nola instalemos e poidamos utilizala. Isto é, en parte, precisamente grazas a que, por ter unha licenza de software libre, este navegador é adaptado a diferentes sistemas operativos, dispositivos, etc. Para liberar a nosa navegación, simplemente debemos acudir á web de Firefox e seguir as instrucións, que se adaptarán ao dispositivo desde o que a visitemos.

Imaxe de destaque: https://blog.mozilla.org/firefox/files/2019/04/Screen-Shot-2019-04-10-at-5.49.31-PM.png

Fonte imaxe de destaque: https://blog.mozilla.org/firefox/firefox-black-hole/

______________________________________________________

laura_castro_tecnologia (2) (1)

Nacín en Madrid no 80, de nai e pai galegos que anos máis tarde voltaron á terriña. Vivín un tempo preto de Santiago, onde fun ao instituto, e agora levo xa case 18 anos na Coruña, onde estudei e traballo. Tamén vivín durante algúns meses nos USA (en Houston, Texas) e en Suecia (en Göteborg). Son profesora na Facultade de Informática Universidade da Coruña desde o 2005, onde compaxino as tarefas de docencia, moi gratificantes, coa investigación, moi esixentes. Gústame bailar (especialmente cando ninguén me ve) e resolver puzzles. Gústame aprender cousas novas e viaxar con pouca equipaxe. Non leo tanto como me gustaría e probablemente vexo máis series de TV das que debería.

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad