de Inés López

Imagem: Clara López Pérez

Entre todas as formas de opresión machista a imposición dun único canon de beleza universal é probablemente unha das máis aceptadas pola sociedade. Este canon de beleza está en todas partes, miremos onde miremos: nos anuncios na rúa, na televisión, no cinema e ata nos debuxos animados. Dende pequenas asimilamos moi ben como é o súmmum da beleza: unha moza nova, delgada, branca case sempre, que camiña sobre uns altísimos tacóns cunha gracilidade e unha elegancia innata, perfectamente vestida, sempre sexy, pero nunca “vulgar”. Os medios de comunicación impoñen un único modelo estético que non cumpren nin a metade das mulleres. Onde están as baixas, as gordas, as feas, as peludas, as calvas, as mulleres doutras etnias, as maiores de corenta anos ou as discapacitadas? Non aparecen, son case irrelevantes para a industria do cine e da televisión, e a súa ausencia reforza a idea de que a valía dunha muller reside no seu aspecto físico.

Ás mulleres roubáronos o dereito a ser feas, a non ser atractivas, a non excitar a ninguén. Evidentemente tamén hai homes máis atractivos que outros, pero homes de moi diversas características físicas teñen cabida nos produtos culturais que consumimos, cousa que non ocorre coas mulleres. Practicamente todos os homes, teñan a idade que teñan, poden desempeñar o rol protagonista e, ademais, gozan dunha serie de matices que as personaxes femininas non adoitan ter. Por exemplo, a Jean Paul Belmondo o emparellábano con actrices como Jean Seberg ou Anna Karina. Por poñer exemplos moito máis recentes, a compañeira de reparto de Tom Hanks na súa última película é Felicity Jones, unha actriz case trinta anos menor ca el, e as compañeiras de George Clooney nos anuncios de Nespresso poderían ser as súas fillas. Imaxinades a situación á inversa? Cantas películas ou series coñecedes onde a protagonista sexa considerablemente maior que o seu coprotagonista masculino? Cantas coñecedes nas que ela sexa fea e el sexa moi guapo?

Por culpa de todas esas limitadas representacións das mulleres nos medios, aprendemos pronto que as mulleres guapas teñen máis estatus. Nos contos populares infantís e nas películas de animación como as da factoría Disney, a notable beleza da protagonista menciónase sempre. Véndenos na Bela e a Besta que a beleza está no interior, pero esta declaración só se lle aplica a el (imaxinades o conto ao revés?).

Na miña experiencia persoal asimilei, e moi ben, a idea e moi pronto souben que non pertencía ao selecto club das consideradas guapas, coas súas respectivas consecuencias, como ser ignorada e incluso insultada polos rapaces. O impacto desta realidade aumentou na adolescencia, etapa na que chegaron as imposicións estéticas máis estritas, como a depilación. Recordo que cando tiña trece anos depilarse era unha cuestión que non admitía réplica, como tamén o era para as miñas amigas. Tiñámolo tan asimilado que nin sequera pensabamos que podiamos non facelo se non nos apetecía, porque xa dabamos por feito que a sociedade nos penalizaría se nos atreviamos a desafiar as súas ríxidas regras estéticas. E o certo é que non estabamos equivocadas.

Incluso na política, un entorno institucional que debería ser serio e igualitario, vemos a homes como Donald Trump ou Silvio Berlusconi atreverse a criticar e insultar a mulleres polo seu aspecto. En televisión, tanto en informativos como noutros programas de contido diverso, vemos presentadores acompañados de colaboradoras moito máis novas e guapas ca eles (el Gran Wyoming e Sandra Sabatés, Pablo Motos e Pilar Rubio, Chicote e Cristina Pedroche e Carlos Sobera e Lara Álvarez en senllas Campanadas de Antena 3 e Cuatro). A Lena Dunham, a creadora da serie de HBO Girls, criticárona múltiples veces por amosar o seu corpo espido. Alguén protestaría se no canto de Lena Dunham fose Megan Fox? Os exemplos sobre como se castiga á muller que non cumpre o canon de beleza son evidentes e moi numerosos.

Das persoas que acoden á cirurxía estética a maioría son mulleres. Existe lencería para adornar os corpos das mulleres e facelos máis sensuais, pero isto non parece necesario para os corpos dos homes. O rostro das mulleres precisa de todo tipo de correccións mediante a maquillaxe, pero o dos homes está ben como está. Nós debemos finxir que non temos nin un pelo no corpo, mentres que para eles telos ou non é opcional. Algunhas marcas de cosméticos son coñecidas polas súas campañas celebrando “a beleza real” das mulleres, e afirmando que todas as mulleres son fermosas. Pero esta non é a mensaxe que a sociedade ten que oír, senón que o que deberiamos saber é que non importa se somos ou non guapas, porque o noso valor como persoas non debe fundamentarse no noso aspecto.

Por todo isto é necesario reivindicar o noso dereito a non sentirnos nin ser sexys, a non parecerlles atractivas aos homes, a ter o corpo cuberto de pelo frondoso e longo, a presumir das nosas estrías e a nosa celulite e incluso a resultar repugnantes e tremendamente feas sen que a sociedade nos castigue e nos ignore por iso.

_____________________________________________________________________

Inés López

ApY81ESCQAAmrHySon unha moza de Carballo (A Coruña). Estou interesada no feminismo, na literatura e na música. Actualmente escribo un blogue coa miña amiga Marta, chamado Meigas do século XXI, que se pode seguir aquí: https://meigasdoseculoxxi.wordpress.com/. Este texto fala da “máscara” que nos obriga a levar o patriarcado para moldear a nosa apariencia, e sobre como nos castiga cando intentamos escapar destas imposicións estéticas.

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad