por Rebeca Baceiredo

Pode afrontarse a vellez dende un plano teórico, pensando nunha
interpretación lineal de Aristóteles, que fai corresponder un estado de acto, a
finalidade dun ser, co momento de plenitude das facultades. A partir de aí, en
que situación se atoparía a substancia? Non habería palabra para nomeala,
non existiría, polo tanto? Ou non pagaría a pena sinalala? Pensala dende a
posmodernidade é sinxelo: sobre a xuventude pode recaer mellor o imperativo
de goce que dirixe un sistema de consumo que non se pode permitir ser
nostálxico, profundo ou sabio. Todo o novo coñecemento se actualiza,
ademais, nas sucesivas xeracións que ocupan os anos, non importa máis que
cada innovador coñecemento tecnolóxico. Saberes inmanentes, saberes
prácticos (éticos), saberes sobre a vida que reflexionen, que acouguen o ritmo
do capital, non interesan. É certo que a economía non renuncia a ningún nicho
de mercado e por iso incorpora o que se vende como progreso social, a saber,
que @s maiores tamén poden gozar e realizar calquera outra actividade
produtiva, igual que @s demais. Todo vale sempre que siga a lóxica neoliberal.
Esa é a condición.
Por iso, a min o que me interesa é trasladarme a outros tempos e espazos.

Relacionarnos con outras xeracións permítenos acceder a mundos que xa non
existen, que son coma os voos dos paxaros, liñas invisibles que só poden ser
experimentadas no instante en que suceden. E quizais, despois, se
aprendemos a escoitar, no mesmo canto. O que os paxaros saben, iso, é o que
eu sempre quixen saber.

Por outra banda, a tradición do house cinema vertebra as imaxes, pero cunha
alteración estrutural: se en tal corrente se filmaban os acontecementos que se
supón que deben ser recordados, destacados, como unha Comuñón ou unha
viaxe. Nesta proposta sucede o contrario. Coa influencia do primeiro Jarmusch
ou do que Schrader longamente analiza, o que se grava é o in-between, o
momento ordinario, a vida inmanente, que está chea de glorias. Bourdieu falou
diso que non debe mostrarse e que se mostra, que é algo que afectaba á
fotografía durante o seu proceso de “democratización” entre as clases obreiras.
Do mesmo xeito, reproducía a lóxica que despois se observa no house cinema:
tómanse os momentos que son familiares e que por iso non deben ser
mostrados, pero á vez, recóllense aqueles que constitúen acontecementos
extra-ordinarios a respecto da vida cotiá. Non sucede aquí así. Por último,
intenta materializarse o texto de Hito Steyerl sobre a imaxe pobre: a imaxe sen
resolución abrirá fendas nas formas perceptivas hexemónicas, na orde visual
vixente.

 

 

_______________________________________________________

Rebeca Baceiredo

Estudou Xornalismo, doutorouse en Filosofía con Premio Extraordinario cunha tese a propósito de Gilles Deleuze. En 2005 recibe o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro pola obra O suxeito posmoderno. Dende entón escribe ensaio filosófico, con propostas en torno á ontoloxía política, como A revolución non vai ser televisada, Capitalismo e Fascismo, Oikonomía do xénero, Animais de estimação, Como não ser, tranquilamente, human@s, etc., así como publicou libros de poesía e narrativa.

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad