por Lucía Flora López Pérez
Grazas a moitos e calidoscópicos momentos
con bases e texturas diferentes,
comezo a tocar a razón do agora agora.
Sonche intercambios da ágora nos que se baila coas estreliñas do ser de repente
e sorprenden pola súa obviedade
coordinados doadamente pero,
con pasos case esquecidos na seguinte danza.
Momentos de metamorfose, familiares do tic e tac de vida, de recunchos, de espreita, negación (ou si?) e busca de sentido sen telo.
Curioso…
A vellice eleva os velos,
ilumina os espazos
saca xanelas e abre portas
cun chasis algo tocado
pero moitísimo máis de seu, de teu, que ao inicio.
Rodeado do divino “tesouro” con…
trabas e problemas
orixinaria falsidade
enganos, abusos e dor
daquela finxida eterna xuventude.
Mais a sabedoría vén da man da reflexión,
do tempo, da cordura sensata e da fuxida dicotómica.
Agarimarse entre as sabas e engurras sabendo que as pegadas están firmes
poder escoitar claramente a túa voz atemporal (de hoxe e de sempre)
que te modela na xenuína barbarie case rupestre,
resulta realmente unha cousa ben bárbara.
_____________________________________________________________
Lúcia Flora López Pérez