por Solita Solano
Foto: Natália Gonçalves
Atravesamos a historia e as nosas pegadas, en pleno século XXI, parece que dependen aínda do que as voces «autorizadas» teñan o gusto de rescatar. Ninguén falará de nós porque nunca pasaremos revista ás tropas pequeno imperiais prenhadas. Ninguén quererá contar que nos amabamos tanto, que ás veces nos sentiamos moi soas, que riamos xuntas e na distancia, que bebiamos xerras de cava con sorbete de limón. Que nos querían tristes, sen un peso, que nos enfrontabamos con (case) todo, tamén entre nós. Que nos deleitabamos lambendo a pel do Atlántico, os labios menores, as cicatrices, o nacemento do pelo. Que nos colgaban as tetas, esas que para ser nós non todas precisabamos ter. Que nos fregabamos cunhas, con outras ata que desde a punta dos dedos nos subía a febre. Que non criamos no dous nin na santísima trinidade, ou que si.
Temos a urxencia de reconhecernos donas do noso relato e comezar a construír memoria desde o presente. Reforestemos as leiras do país co noso patrimonio de testemunhas, coa memoria quente, subxectiva, co que sementamos e tamén co que estamos a recoller… Que non se nos esqueza nada.
Escribamos. Debuxemos. Cantemos e contemos. Falemos, soas ou de mans dadas. Gravemos as voces das nais, das avoas, as nosas voces. Retratemos as tribos todas. Multipliquemos os nosos arquivos.
É responsabilidade nosa que as netas non volvan vivir orfas, coma pretenderon con nós. Destruamos ao amo coas nosas armas. Como dicía a grandísima Audre Lorde «somos demasiado importantes unhas para as outras como para desperdiciarnos en silencio.»
Sexamos colibrís. Fagámolo por necesidade de expresión, por sabernos c, porque nos desborda a imaxinación, por curar a desmemoria, por desexo, desobediencia, mimo ou simplemente por hamor. Fagámolo aos poucos, visceralmente, pensando cada palabra como unha lista da compra. Que cada quen escolha como, cando e porque. Pero fagámolo.
Quen fala de nós?
Galiza Nación Cuir
Sexo-diversidade, transfeminismo, ruralidade e outras caixas de Pandora que se abren no sur oriental do país.
Galiza Nación Cuir é o fanzine que desde 2016 promove a Comisión de Sexodiversidade d’A Galleira (Ourense). Esta publicación vén de presentar o seu número dous –que en realidade vén sendo o terceiro- en formato dixital e están a preparar, baixo pedido, a tirada en papel.
Nesta nova edición proponnos recuperar o barallete para nomear os bicos como mordatos e o foder como tabicar; reparar con orgulho a memoria de Gisberta Salce; hai artigos extensos, colaxe, fotos, falan de deporte e de eurovisión e regálannos un novo recortable para que, esta vez, xoguemos con Pondal.
Xuntádevos a elxs, esnaquicemos os alicerces do heteropatriarcado. Buscan voces para o próximo número: hai que ponherse a recortar e pegar!
Podedes botarlhe un olho aquí: http://en.calameo.com/accounts/4792566
Amor de Primas
Editorial de fanzines con base en Zaragoza e agora tamén no Porto que, na súa declaración de intencións, invoca a conexión entre primas e proclama a beleza do proceso e do erro: «sabemos que a vida é moito máis que supervivencia física, de aí a importancia de facer, ver e compartir subxectividades que nos axuden a gañar forza á hora de imaxinar e construír alternativas.»
Participan en encontros de autoedición feminista por todo o Estado, dinamizan obradoiros para facer fanzines colectivos, e autoeditan marabilhas como Diarios de Crohn, Dreams of Charlotte, Espacios-tránsitos, Todxs nacemos desnudxs, el resto es drag ou o ultranecesario Ni un machirulo con dientes da Red Contra Agresiones Machistas-Zaragoza.
Experiencias propias e colectivas, nas boas e nas malas todas somos curmás.
_____________________________________________________________________
Solita Solano
Son mar, e montanha. Devezo por ser tamén mineral.
Dedícome a proxectos vinculados ao feminismo no ámbito da educación, a divulgación e a comunicación, o activismo, a creación artística e en todos os meus proxectos de vida.
Reivindico a vulnerabilidade e a resistencia e creo nas posibilidades das minhas mans para crear volumes e nas das raíces para devir nitroglicerina.