por Klandestinas

As redes sociais son, hoxe en día, unha ferramenta de difusión fundamental para voces disidentes fronte aos discursos hexemónicos que xustifican a opresión e a ignorancia. Porén, tamén poden actuar como o medio favorábel para xerar conflitos tan sangrantes como o que estamos a vivir entre o feminismo radical e abolicionista fronte ao transactivismo. Ante un escenario no cal se nega a posibilidade dun diálogo baseado na escoita activa ou se restrinxe a capacidade de preguntar o porque das cousas, precisamos falar de pontes para ligar dous posicionamentos políticos que, se cadra, non están tan afastados como aparentan.

Precisamos reformular as ferramentas de desmantelamento do sistema; resituar a diana á cal apuntamos; reelaborar estratexias baseadas no amor, no coidado e na escoita; e reservar a raiba para o verdadeiro inimigo.

 

“Se vés da clandestinidade, se  danzas na sororidade,

 se non refulxes nese ardor, hai tamén loita no amor”

Unha nunca sabe ben como comezar a escribir. Catro tampouco saben ben, pero se atreven a facelo. Se cadra, iso é o feminismo.

O 13 de xuño publicabamos un comunicado para posicionarmos verbo das discusións que aqueles días, e aínda hoxe, inundaban as redes sociais. Os nosos móbiles vibraban con notificacións de Twitter, Facebook e grupos de Whatsapp: transfobia, ameaza queer, TERFs, cabalo de troia do feminismo… Amizades e compas de loita cruzaban de súpeto entre si acusacións que ferían como balas. Superada a primeira parálise,  comezamos a redactar o noso comunicado. É posíbel lelo no noso Instagram, mais neste espazo queriamos falar non tanto do que escribimos, senón dende onde. “As hostias vanme doer duro, tía” escribiu unha de nós no noso grupo de whats. “Comerémonos esas hostias xuntas” contestou outra. “Levaremos paus por todas partes pero é o máis honesto que podemos escribir”.

Non nos equivocabamos. Recibimos paus. Algúns merecidos, outros menos. Algúns por cousas que dixemos, outros por cousas que non dixemos pero que outras persoas entenderon ou asumiron sen preguntar. Quixemos ser ponte e dende aí escribimos. Nesta ponte que incomoda, por veces, máis que a propia distancia, porque demostra que dous lugares que semellaban tan afastados podían comunicarse. O único que impedira construílo, era estar mirando sempre cara dentro e nunca cara o outro lado. 

Talvez sexa o momento de pensar o movemento feminista futuro dende estas pontes.

Son as dúbidas, as contradicións e os matices, inimigos dos avances feministas ou elementos imprescindíbeis para a nosa loita? Se non nos permitimos dubidar nas nosas opinións, que sentido ten a discusión?

Amelia Tiganus, abolicionista experta e supervivinte do sistema prostitucional, escribiu en Twitter: “Son feminista e abolicionista porque tiven a grande sorte de rodearme de mulleres que confiaron en min e na miña capacidade e ofrecéronme a posibilidade tamén de equivocarme. Grazas, de verdade. Non soporto os dogmas e a xente ríxida que pensa que ten a verdade absoluta”.  Nós somos abolicionistas da escola de Tiganus, referente en todos os sentidos.

Por iso escribimos dende a dúbida, porque é a única forma que coñecemos de non sentar cátedra. Non afirmar para poder contradicirnos, recalcular a ruta, desandar o aprendido. Sen aspiracións forzosamente colectivas, escribir para representarmos. Falamos por nós e paradoxalmente, ao facelo en alto, outras se suman á nosa voz. Ou somos nós quen se suma  ás súas voces. Ou dividimos a dor para multiplicar a forza.

Escribimos para as que no medio desta disputa non se ven recoñecidas na friaxe da polaridade, para as que comprenderon ambas realidades porque saben que son a face e o envés dunha mesma moeda que ha de caer de canto.

Para as que levan toda a vida na trincheira. Para as que habitan esas marxes, esas zonas grises de contradicións, de máis preguntas que certezas, de máis práctica que teoría, de máis quero que podo. Escribimos porque canta máis formación temos, máis valoramos os matices, máis complexizamos, máis adestramos a ollada. Escribimos por se acaso non estamos soas nesta ponte; por se hai máis aquí burlando a vertixe connosco. 

Neste último tempo, acusouse a idea de que hai verdades irrebatíbeis porque o feito mesmo de rebatelas, supón un acto de odio.

A transfobia non se debate, pero non será preciso debater o que é e non é transfobia?

Se non fixamos un límite, se invalidamos calquera discurso que nos doa ou nos incomode só porque nos doa ou incomode, se politizamos coas emocións, se cercamos o noso espazo e ollamos só cara dentro, onde fica a marxe de evolución? Se continuamos ensanchando a fronteira entre as que comezamos xuntas nesta loita, como construír as pontes que nos comuniquen na realidade? O noso feminismo constrúese con espazos de escoita e diálogo, cuestionamos todo discurso e todo ideario da man de séculos de literatura feminista. Pode que volvamos ao lugar ideolóxico dende o que partimos, pode que mudemos o paradigma do noso pensamento e da nosa análise, pero o que conta é o camiño que percorremos para chegar a onde chegamos.

O noso feminismo é o da dúbida radical, e cremos que negar a capacidade de preguntarnos é aniquilar o pensamento crítico.

Escollemos cuestionar os nosos privilexios e ser altofalante de quen encarna outras violencias en primeira persoa. Miquel Missé, sociólogo e activista trans, fala do xénero como idioma que aprendemos a falar na infancia. Hai quen acepta esta imposición idiomática sen supor conflito ningún, hai quen o fala custosamente, e hai a quen se nega a comunicarse nese idioma e dinamita a Real Academia do Xénero. O castigo que reciben aqueles “analfabetos” desta lingua é evidente e debe ser recoñecido para entender a violencia á que se nos somete dentro dun sistema patriarcal. No noso mundo, o xénero é unha categoría estanca tan ríxida, que apenas permite a supervivencia nas marxes. 

Estamos desconformes coas expectativas proxectadas sobre nós como mulleres, sufrimos as sancións por cada norma que transgredimos e o feminismo é o noso xeito de supervivencia. E non temos potestade para cuestionar o modo de supervivencia doutras persoas, sexa esta a transición ou non. Para o que si temos potestade é para reivindicar unha existencia que non implique a supervivencia, unha vida que non precise de estratexias de adaptación para ser vivida, onde todas sexamos, como dicía Rosa Luxemburgo, socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres. E sabemos que transgredir as normas non é suficiente: precisamos abolilas por completo, pois o sistema sempre atopa maneiras de apropiarse das disidencias que non atentan de raíz contra o dogma,  e facelas rentábeis.

“As ferramentas do amo nunca destruirán a casa do amo”, di a cita de Audre Lorde. Na súa liña, non nos sentimos recoñecidas nesa expresión hipermasculinizada da violencia que rezuma esta disputa, porque a empatía e o coidado son revolucionarias. Precisamos tender pontes que permitan as preguntas e as dúbidas, mais dende o respeto cara ás vidas das compañeiras. Temos que saber a quen estamos a disparar. O lume amigo fire máis que a metralla inimiga; desartellar as dinámicas patriarcais que nos abocan á crueldade: reservar a raiba para quen mereza recibila. O amor é tamén unha ferramenta política que pode exercerse para combater un neoliberalismo voraz que nos sitúa nunha conciencia individualista, en lugar de concibir a forza e a importancia da colectividade. 

Non buscamos máximas referenciais, non podemos ser o berro de todas, pero cremos fielmente en que todas temos o berro, un propio. Por iso non buscamos máximos comúns divisores, porque as máximas rompen, separan, enfrontan. Buscamos os mínimos comúns múltiplos. A violencia que nos atravesa a todas.  Así se tece a arañeira, se enfía a rede. O feminismo son os mínimos comúns que multiplican o amor e a resistencia. Nunca divisores. 

Dende Klandestinas,  sentimos que non hai nada máis contundente e arriscado agora mesmo que apostar por non reproducir a violencia patriarcal entre compas de trincheira. Rosa Cobo, teórica feminista, escribía en redes recentemente que era preciso civilizar as diverxencias, tolerar os matices. Non podemos estar máis dacordo, e se levamos paus, na ponte ficaremos para comernos esas hostias, xuntas.

______________________________________________________

klandestinasKlandestinas (@_klandestinas)

Klandestinas é un colectivo feminista da man de catro amigas que dubidan para avanzar.

klandestinascoia@gmail.com

https://www.instagram.com/_klandestinas/

https://www.facebook.com/Klandestinas-111060603746539

 

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad