de Andrea Vegabreu
Probaches algunha vez a facer unha tortilla sen ovos? Pois é ben sinxelo e queda moi rica! Esta receita é 100% vexetal e libre de explotación animal. Anímaste a probala? Vaiche gustar 😉
Tortilla vegana de pataca e verduriñas
Ingredientes base:
- 500 gr. de patacas
- 1 cebola (opcional)
- 100 gr. de verduras e hortalizas variadas ao gusto. Se son de tempada e de proximidade, mellor que mellor. Aí van algunhas ideas: verza , cabaza, cabaciño, cenoria, remolacha, pemento, tomate…
- Aceite de oliva virxe extra ao gusto
- 1 chisco de sal mariño
Ingredientes para ligar a tortilla
- 3/4 cunca de auga (aprox. 200ml)
- 100 gr de fariña (50 gr. de fariña de garavanzo e 50 gr de fariña de millo). Podes variar o tipo e proporción das fariñas, mais as de garavanzo e millo son as que resultan mellor para facer tortillas.
- 2 culleradas de almidón de millo (tipo maicena) ou almidón de tapioca. Non é un ingrediente imprescindible, mais dálle unha textura máis suave e lixeira á tortilla.
- 1/2 culleriña de bicarbonato. Tamén é un ingrediente opcional, pero fai que a tortilla quede máis esponxosa e tenra.
- 1 chisco de sal mariño (opcional)
Outros ingredientes opcionais para darlle un toque distinto:
- 1 chisco de sal negro (kala namak) – Este tipo de sal, que podes mercar en herbolarios ou por Internet, ten un sabor sulfuroso que lembra ao do ovo cocido. Se usas este sal, procura botalo cara ao final da receita (perde sabor ao cociñalo) e reduce a cantidade de sal normal.
- Batata doce – Pode substituír unha parte ou todas as patacas se queres evitar as solanáceas ou darlle un toque máis saboroso á receita.
- 1 culleriña de cúrcuma e un chisco de pementa negra – A cúrcuma, ademais de darlle cor amarelo á tortilla, ten propiedades antiinflamatorias. Recoméndase consumila cun chisco de pementa e aceite de oliva virxe extra para absorbela mellor e aproveitar as súas propiedades medicinais. Nesta receita podes engadila á mestura de ingredientes para ligar a tortilla.
Receita:
Pela e corta as patacas, as cebolas e hortalizas en rodiñas finas. Fríteas no aceite cun chisco de sal e resérvaas.
Coce ao vapor ou escalda as verduras. Resérvaas.
Bate todos os ingredientes para ligar a tortilla (auga, fariñas, almidón, bicarbonato, sal, cúrcuma e pementa) ata conseguir unha mestura homoxénea.
Engade a mestura ás patacas, cebola, verduras e hortalizas que tiñas reservadas. Remove.
Pon a quecer unha tixola cunha cullerada de aceite de oliva. Esténdeo ben por toda a superficie.
Verte a mestura da tortilla na tixola, esténdea e déixaa callar tapada a lume lento.
Cando a superficie comeza a callar, move a tixola para que se despegue dos bordes e dálle a volta á tortilla coa axuda dun prato ou outra tixola do mesmo tamaño. É posible que teñas que repetir este paso unha ou dúas veces ata que a tortilla estea ben callada polos dous lados: ten que estar douradiña por fóra pero tenra por dentro e manter a forma.
Sirve a tortilla sobre unha fonte ou prato. É recomendable deixala repousar polo menos 5 minutiños antes de cortala, servila e degustala.
Bo proveito!
__________________________________________________
Son Andrea Vegabreu. Muller-toxo, tradutora, intérprete e alquimista vegafeminista apaixonada da cociña 100% vexetal, silvestre e creativa. Biodanzante, batukeira, a(r)tivista e tecedora doutros mundos posibles alén do arco da vella.